Chega a traca final para o entroido familiar de Bueu

Bueu
16 de febreiro 2018

O Concello de Bueu celebra esta fin de semana os tradicionais desfiles do Entroido, nos que se repartirán 6.000 euros en premios

Enterro da Sardiña no Entroido de Marín Diego Torrado

O Concello de Bueu celebra esta fin de semana os tradicionais desfiles do Entroido, nos que se repartirán 6.000 euros en premios.

Así, o sábado, a partir das cinco da tarde, sairán os máis pequenos no Enterriño da Sardiña dende a Praza Massó, percorrendo as rúas da vila para despois queimar a tradicional sardiña no punto de saída. Nesta actividade, que tivo que adiarse dende o mércores debido ao mal tempo, cada agrupación de Bueu que participe no desfile e teña máis de quince compoñentes recibirá 150 euros.

O domingo está programado o Desfile do Paxaro de Mal Agoiro, tamén ás 17.00 horas, con queima do paxaro na carpa da Banda do Río e posterior actuación das comparsas de Bueu. E pola noite, verbena de disfraces na mesma carpa ás 20.30 horas co grupo Los tres latinos.

OUTROS EVENTOS DE ENTROIDO

Ademais dos desfiles, o sábado e o domingo a partir das 13.00 horas, na carpa da Banda do Río terá lugar unha sesión vermú a cargo das comparsas da vila, unha iniciativa que pretende levar as actuacións das murgas máis alá dos bares.

Tamén, no mesmo lugar, a partir das 16.00 horas celebrarase un concurso gastronómico de Entroido na carpa da Banda do Río, organizado pola asociación veciñal deste barrio.

E ás 20.00 horas é a quenda do pasarrúas e a actuación da Asociación de Percusionistas Aperta, que se organiza entre o Concello de Bueu e a hostalaría.

Como remate, e broche de ouro, de cara á próxima fin de semana, aínda se poderá gozar dos festivais de comparsas que organiza o Bueu Atlético Balonmán, e que terán lugar o venres na Casa do Pobo de Beluso e o sábado no Centro Social do Mar de Bueu, ambos os dous a partires das 21.00 horas. 

Arquivado en