Chega a primavera con inestabilidade e probables borrascas nas Rías Baixas a partir do xoves

Pontevedra
20 de marzo 2023

Este luns entra a primavera, que durará 92 días e 18 horas. Nas Rías Baixas chegará con influencia anticiclónica transitoria con temperaturas entre os 7 e os 20 graos, segundo Meteogalicia. Ao longo da semana chegará unha fronte fría procedente do Océano Atlántico, que deixará precipitacións na provincia

Imaxe de satélite de Meteogalicia durante este 20 de marzo de 2023

Este luns 20 de marzo chega a primavera, que durará 92 días e 18 horas. A súa aparición prodúcese baixo a influencia anticiclónica transitoria nas Rías Baixas. O ceo permanecerá con alternancia de nubes e claros coa presenza de máis nebulosidade na segunda metade da xornada coa entrada de precipitacións intermitentes no noroeste de Galicia debido á entrada dunha fronte pouca activa. As temperaturas mínimas sitúanse en 7 graos, mentres que as máximas ascenden lixeiramente para alcanzar os 20 graos. O vento soprará frouxo do suroeste, segundo o servizo de Meteogalicia.

A xornada do martes 21 apenas presentará novidades. O ceo permanecerá nubrado na zona oeste con temperaturas mínimas que experimentarán un lixeiro ascenso establecéndose nos 10 graos. As máximas descenderán rebaixándose aos 17. O vento seguirá soprando frouxo de suroeste.

Xa o mércores producirase unha chegada dunha fronte fría procedente do Océano Atlántico. O ceo manterase cuberto no litoral oeste de Galicia con precipitacións que se iniciarán no noroeste da comunidade e iranse expandindo ao longo da noite. Os ventos soprarán do suroeste con temperaturas entre 10 e 16 graos.

A probabilidade de choiva aumentará a partir do xoves 23 debido á chegada de varias frontes asociadas ás borrascas atlánticas. As temperaturas manteranse sen grandes cambios oscilando entre os 8 e os 15 graos nas Rías Baixas.