Charanga Charandonga e o grupo Embruxo animarán a Feira de Abril de Parada

Cerdedo-Cotobade
13 de abril 2023

Jorge Cubela, alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade e membros da Comisión de Festas de Tenorio presentaron o programa festivo da Feira que contará con animación musical, doma vaqueira e unha xincana a cabalo

Presentación da Feira de Abril de Parada Concello de Cerdedo-Cotobade

A Feira de Abril de Parada de Tenorio terá lugar este sábado 15 de abril. Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, e membros da Comisión de Festas de Tenorio presentaron o seu programa lúdico-festivo que se desenvolverá no campo da festa.

Este programa arrincará ás 10:30 horas cunha peregrinación a cabalodesde o Mosteiro de Tenorio ata o campo da festa a través dun roteiro marcado previamente pola organización.

Ás 12:30 horas terá lugar a sesión vermú da man de Charanga Charandonga que dará paso ao xantar no que Pulpeira Mera servirá polbo á feira e churrasco aos asistentes.

A xornada festiva retomarase ás 16:00 horas da tarde coa actuación do grupo de baile flamento Embruxo que achegará ao público os ritmos e as distintas variedades do folclore andaluz e extremeño.

Ás 17:00 horas está prevista unha exhibición de doma vaqueira e unha xincana a cabalo.

Cubela felicitou aos membros da Comisión de Festas de Tenorio por esta iniciativa que non só vai orientada a conseguir financiación para manter as festas senón que representan un revulsivo e unha actividade de dinamización da parroquia moi destacable.