Chapas de #SandíasPolaPaz para esixir o alto o fogo contra a poboación palestina

Pontevedra
18 de decembro 2023

En Pontevedra as insignias, que son gratuítas, están dispoñibles na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional, na rúa Oliva. A sandía comparte as cores da bandeira palestina: vermello, verde, branco e negro; e xa está considerada un símbolo universal da loita polos dereitos do pobo palestino 

Actividade da Coordinadora Galega de Ongd Coordinadora Galega de Ongd

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento leva a cabo durante estes días unha campaña #SandíasPolaPaz de distribución de chapas con debuxos de sandías. O motivo é que esta froita simboliza a solidariedade co pobo palestino.

Piden á cidadanía que se suma a esta acción e que soliciten estas insignias gratuítas na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional situada na Rúa Oliva de Pontevedra.

A sandía comparte as cores da bandeira palestina: vermello, verde, branco e negro. Converteuse nun símbolo universal de loita polos dereitos do pobo palestino desde a Guerra dos Seis Días de 1967, cando Israel prohibía a exhibición pública da bandeira palestina nos territorios de Gaza e Cisxordania.

Actualmente catro organizacións desta Coordinadora traballan nos Territorios Ocupados Palestinos.

A situación, segundo a Coordinadora, é "desgarradora" na actualidade nestas zonas para a poboación e reclaman aos responsables políticos, á Unión Europea e á comunidade internacional que asuman a súa responsabilidade na defensa dos dereitos humanos actuando con firmeza.