O grupo de voluntariado anti velutina creado no ano 2017 para facer fronte á proliferación da avespa asiática en Pontevedra ten cada vez maior carga de traballo e atopouse con que se fai necesario contar cun maior número de persoas voluntarias. Ante esta situación, desde o Concello e o propio equipo fan un chamamento á cidadanía para que se somen e, desta forma, poder traballar contra esta lacra que está a poñer en perigo o ecosistema.
O concelleiro de Medio Natural de Pontevedra, Alberto Oubiña, e o presidente dos comuneiros de Campañó e portavoz do grupo de voluntariado, José María Domínguez, realizaron este venres este chamamento á vez que fixeron balance dos dous últimos anos de actividade. Segundo as estatísticas realizadas, retiraron máis de 1.000 niños en todo o termo municipal, unha media de 500 por ano.
Este ano calcúlase que as cifras sexan similares, aínda que detectaron un cambio de tendencia no comportamento da avespa velutina. Este ano detectouse un adianto da aparición das avespas raíñas e os niños primarios dun mes e medio con respecto a anos anteriores. Así, habitualmente, empezaban en abril ou maio, pero este ano en febreiro xa apareceron os primeiros casos e levan semanas retirando niños.
A semana pasada, por exemplo, tiveron unha alerta no barrio de Campolongo. O caso resulta representativo da nova realidade da problemática da velutina, pois, por unha banda, adiantouse e, por outro, atópase en pleno centro urbano. Así, aínda que a gran maioría dos niños detéctanse en zonas do rural, detectouse un aumento da incidencia no centro urbano.
Oubiña e Domingúez presentaron este luns a nova campaña que realizan entre o Concello e o grupo de voluntariado antivelutina, que na actualidade está integrado por 25 persoas, os 90% apicultores. No novo chamamento que realizan para conseguir voluntarios, lembran, iso si, que non é necesaria esta especialización, senón que calquera cidadán pode entrar a formar parte do equipo.
Dentro da nova campaña, ábrese o período para solicitar charlas informativas para escolares e asociacións veciñais e sociais -poden solicitarse a través do teléfono do Concello, 986 804300, extensión 7107- e tamén un novo período de trampeo. Este ano, o Concello repartirá as trampas ao grupo de voluntariado, que se encargará da súa instalación.
Con motivo desta presentación, o concelleiro de Medio Natural aproveitou para reivindicar o traballo do voluntariado neste campo, que, baixo coordinación do Concello, realizan unhas tarefas que son competencia da Xunta de Galicia. Ademais, mostrouse moi crítico coa "ineficacia" da Xunta de Galicia.
Para que a administración autonómica sexa "consciente" de todo o traballo que realizan o Concello e o voluntariado neste ámbito, a próxima semana remitiranlle unha carta cun informe da súa actividade, co obxectivo de que "contrasten os seus datos cos nosos: nenos eliminados, áreas de maior incidencia, horas de traballo, cartos investidos… e actúen".
"É hora de que a Xunta se poña as pilas, é unha praga, é un problema de país", reclama Alberto Oubiña. Mentres a Xunta non o faga, o Concello comprométese a seguir traballando para eliminar a praga e lembran que calquera dúbida pódese consultar no servizo municipal de Medio Ambiente Natural, na extensión 7584 do teléfono 986 804300, e tamén se mantén aberto o whatsapp 679 411930 para avisos de niños.