CESM mantén a súa preocupación polo "caos" de pacientes en Montecelo

Pontevedra
06 de xullo 2022

Segundo indican, este mércores 6 de xullo ás 08.00 horas permanecían 21 pacientes, un deles con covid-19, na zona de Urxencias. Seis destes enfermos foron trasladados á unidade polivalente pero o sindicato médico alerta de que a situación de colapso vai manterse no momento en que cheguen máis pacientes que requiran hospitalización se non se producen altas ao longo do día debido á falta de camas

Ambulancia no acceso a Urxencias no Hospital Montecelo Mónica Patxot

O sindicato CESM (Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia) mantén a súa denuncia pública da situación que, a diario, está a rexistrarse na área sanitaria e, en concreto, no Hospital Montecelo debido á falta de camas de hospitalización.

Segundo indica Enrique Marra-López, facultativo e portavoz deste colectivo sindical, ás 08.00 horas deste mércores 6 de xullo permanecían 21 pacientes, un deles positivo en covid-19, no servizo de Urxencias de Montecelo á espera de cama. Segundo indica, seis destes pacientes ían ser trasladados á unidade polivalente.

O sindicato denuncia que a xerencia volveu pechar a área de Medicina interna (M3), que conta con 24 camas, que fora aberta nas últimas horas. #Ante esta situación, Marra-López teme que ao longo da xornada se repita o "caos" de días anteriores coa chegada de novos pacientes que requiran hospitalización e atópense sen camas no caso de que non se produzan altas ao longo do día.

CONTINÚA O AUMENTO DE INGRESOS POR COVID

A esta situación súmase que este mércores continúa en aumento o número de persoas hospitalizadas con covid-19. O Servizo Galego de Saúde informa de 102 hospitalizacións en Pontevedra-O Salnés como consecuencia desta enfermidade. Dúas persoas atópanse na Unidade de Coidados Críticos; 85 en planta do Hospital Montecelo, dous máis que o martes; 16 no Hospital do Salnés, tres máis que onte; e un paciente no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.

Nas últimas 24 horas rexistráronse 157 novos positivos e a área sanitaria suma 1.611 persoas infectadas nos datos que manexa o Sergas. Tamén notifican o falecemento de 304 persoas, dúas máis que onte, desde o inicio da pandemia nos distritos de Pontevedra e O Salnés.75 destes pacientes faleceron neste 2022.