CESM Galicia sitúa nun 38% a participación na folga na área sanitaria durante a segunda xornada

Pontevedra
12 de abril 2023

Segundo o sindicato convocante do parón laboral a cifra ascendería tres puntos respecto á xornada do 11 de abril nos distritos de Pontevedra e O Salnés. O Sergas reduce esa cifra na xornada deste mércores a só un 12%. En Galicia, o CESM eleva o seguimento ao 62% e segue a demandar negociación por parte da Xunta

Participantes nunha das concentracións convocadas por CESM Galicia con motivo da folga médica CESM Galicia

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) sitúa nun 62% a participación en toda a comunidade autónoma na folga por parte dos facultativos durante este segundo día de paro laboral, convocado por este sindicato. 

Consideran que é "un importante avance" ao entender que numerosos médicos se atopan exercendo servizos mínimos e, aínda que compartan as reivindicacións, non poden sumarse á folga.

CESM Galicia establece nun 38% de seguimento a cifra nesta xornada na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, tres puntos por encima da rexistrada no primeiro día de paro. Segundo indican os representantes da organización sindical, o seguimento rexístrase en maior medida na zona do Salnés e en atención hospitalaria

Centros de saúde de Atención Primaria como o Virxe Peregrina mantiñan a actividade habitual durante este mércores sen que se rexistrasen incidencias e sen que os pacientes detectasen problemas derivados da folga, segundo comunicaban a PontevedraViva.

O Sergas sitúa o seguimento na área sanitaria nun 12% durante esta xornada. 

CESM Galicia insiste en que están abertos ao diálogo por parte da Xunta de Galicia e lembran aos pacientes que a folga se realiza en beneficio da sanidade pública. Demandan xornadas de 35 horas semanais para todo o persoal do Sergas, a declaración do 24 e o 31 de decembro como xornadas non laborables e un aumento na bonificación de horas de garda, entre outras medidas.