"Recuperar a cidade para a veciñanza é unha necesidade na sociedade actual". Así o asegurou este mércores o vicepresidente da Deputación César Mosquera no seu relatorio dentro da xornada sobre ‘Mobilidade urbana sustentable. Un consenso necesario’ organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Cádiz (COAC), onde se falou con diversos expertos sobre a creación e transformación do espazo público nas vilas.
Mosquera explicou, abondando na experiencia de Pontevedra, que na vila do Lérez se demostrou que tan pronto houbo a mínima oportunidade a veciñanza recomezou a ocupar os espazos públicos, constatando así que a cidadanía non os abandonara voluntariamente "senón que a xente foi expulsada para dedicar ese espazo aos coches".
O vicepresidente subliñou que é posible reconverter a cidade nun espazo de calidade para a convivencia cun cambio de prantexamento e un bo coñecemento da mobilidade urbana. "É preciso comenzar e establecer as prioridades que definen a calidade urbana e subordinar o tráfico ao bo funcionamento da cidade, á autonomía dos nenos e nenas. Non se pode subordinar a cidade aos problemas e necesidades propias do tráfico en si", salientou.
Por último, Mosquera destacou que paga a pena dedicar a enerxía necesaria para poñer en marcha o proceso do cambio e devolver a cidade á veciñanza, algo que, ademais, "é politicamente viable". "Pontevedra é unha cidade como moitas outras no mundo que non sería coñecida no panorama internacional de non ser porque aplicou o seu modelo de mobilidade e un novo uso dos espazos públicos, e ese traballo estamos a levalo a toda a provincia", finalizou.