Cerdedo salda o seu único préstamo, de 168.000 euros, cos seus fondos antes de unificar contas con Cotobade

Cerdedo-Cotobade
19 de decembro 2016

A tesourería de Cotobade pechará o ano sen pasivo e a de Cerdedo ten pendente unha póliza de 175.000 euros que vence en xuño

Constitución da xestora de Cerdedo-Cotobade Mónica Patxot

O Concello de Cerdedo, que funciona economicamente de xeito independente malia a fusión ata o vindeiro 1 de xaneiro, acaba de liquidar cos seus propios fondos o único préstamo bancario que tiña pendente e que ascendía a 168.000 euros.

Asimesmo, a tesourería cerdedense tamén vén de liquidar por completo unha póliza de crédito duns 180.000 euros, polo que acaba de reducir o seu pasivo en 348.000 euros antes de unificar as contas co Concello de Cotobade.

Ante esta situación, o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción porque "se cumpríu co anunciado no pleno de fusión", celebrado o pasado mes de outubro, e quixo recalcar que novamente a oposición "trabucouse por falar antes de tempo e por tentar alarmar aos veciños, que é o único que pretende dende que se iniciou este exemplar proceso de fusión co que se aspiramos a aumentar a calidade de vida e conceder unha boa oportunidade de futuro a este territorio".

Deste xeito, a situación económica de ambos municipios quedou clarificada a poucas semanas de que pechen o seu derradeiro balanzo económico por separado. Así, a tesourería de Cotobade chegará ao 31 de decembro con débeda cero, un dato que xa é habitual nos últimos anos, mentres que Cerdedo só ten pendente unha póliza de crédito de 175.000 euros que vence no vindeiro mes de xuño.

Cubela, que está a estudar en profundidade as contas de ambos concellos co goberno local e cos servizos técnicos antes da fusión de ambas tesourerías, explicou que Cerdedo dispón dos fondos necesarios para liquidala antes de que conclúa o ano. Porén, estase a estudar se convén afrontala de inmediato ou deixala cumprir cos seus prazos previstos.

"Estamos vendo as posibilidades que nos ofrece porque en ocasións é bo ter unha póliza aberta, cunha cantidade mínima como neste caso, porque abre opcións de acceso ao crédito que moitas veces son necesarias na administración local para ter liquidez xa que as aportacións doutras administracións non sempre chegan na data nas que as necesitamos", explicou.

Cubela, que lembrou que o executivo xa dixo que a situación económica dos dous concellos estaba "perfectamente controlada" malia que o arqueo arroxaba máis de 500.000 euros de pasivo de Cerdedo no pleno de fusión de outubro, quixo recalcar que a situación económica dun municipio "pode variar moito segundo o día en que se mire e iso foi o que pasou con Cerdedo, pero os seus departamentos económicos tiñan claro que, cos ingresos e gastos previstos, a situación sería esta antes de pechar o exercicio".

Por último, destacou que a situación económica de Cerdedo-Cotobade é "perfecta" para comezar a andaina común no apartado económico dende o vindeiro 1 de xaneiro, que é cando se unificarán as contas e se comezará a operar cun CIF común. Neste punto, considera moi importante arrancar sen débedas, cun orzamento de case 5 millóns de euros e cun pasivo dunha póliza que "apenas representa entre o 3% e o 4% dos ingresos para 2017".