Cerdedo-Cotobade retirará as súas contas de Abanca se o banco marcha de Carballedo

Cerdedo-Cotobade
29 de xuño 2021

Así se acordou no pleno da corporación celebrado este martes e no que houbo total unanimidade sobre as medidas de presión que o Concello deberá tomar para intentar que o banco galego cambie de plans e manteña aberta a súa oficina no municipio

Pleno telemático celebrado en Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade pechará todas as contas bancarias que ten abertas en Abanca, se a entidade confirma a súa intención de pechar a sucursal que ten en Carballedo. Apostarán por migrar estas contas a outras entidades.

Así se acordou no pleno da corporación celebrado este martes e no que houbo total unanimidade sobre as medidas de presión que o Concello deberá tomar para intentar que o banco galego cambie de plans e manteña aberta a súa oficina no municipio.

Todos os edís apoiaron a decisión de enviar unha carta persoal de repulsa ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, así como tamén unha misiva informativa aos veciños do municipio para que saiban do modo de proceder da entidade bancaria.

Os concelleiros tamén amosaron o seu apoio á decisión, adoptada en colaboración cos autónomos e comerciantes afectados por esta medida, de iniciar unha recollida de sinaturas nos edificios municipais e nos establecementos da contorna para que a veciñanza exprese tamén o seu rexeitamento a este novo modelo bancario.

Ademais, no caso de que Abanca consume o peche anunciado, a corporación pídelle ao goberno municipal que inicie contactos con outras entidades financeiras coa intención de asegurar a operativa bancaria en Carballedo.

Desde o PSOE, Lina Garrido lamentou que esta situación é un reflexo da "nefasta fusión" de municipios e recordou que o peche da oficina de Carballedo "leva xa tempo en proceso de xestación" tras o recorte previo no horario de atención.

Aínda que quedará aberta a oficina de Cerdedo, os socialistas lamentan o "gravísimo problema" que se lle vai a crear aos veciños e comerciantes do municipio, polo que entenden que o peche das contas bancarias en Abanca "é a principal medida de presión".

O edil do BNG, Ernesto Filgueira, cualificou que "incomprensible" o peche desta oficina bancaria e reclama ao Concello que non acepte a colocación dun caixeiro de Abanca que se financie "cos cartos dos veciños aos que o banco leva anos desprezando e avasallando".

"A actitude da entidade bancaria está a ser arrogante, inxusta e totalmente insolidaria cunha veciñanza que leva décadas confiándolle os seus aforros, domiciliacións, nóminas e o cobro das súas pensións", engadiu.