Cerdedo-Cotobade renovará 38 puntos de luz do alumeado público na travesía de Quireza

Cerdedo-Cotobade
20 de xullo 2021

A actuación ten un orzamento de 49.855,09 euros e permitirá reducir o consumo enerxético na zona. Os técnicos calculan unha diminución do 49,41% de electricidade con respecto ás luminarias que viñan prestando o servizo no alumeado actual

Travesía de Quireza Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade destina 49.855,09 euros á renovación do alumeado público na travesía de Quireza, unha actuación na que se van cambiar 38 puntos de luz. 

A actuación permitirá reducir o consumo enerxético na zona. Os técnicos calculan unha diminución do 49,41% de electricidade con respecto ás luminarias que viñan prestando o servizo no alumeado actual.

O investimento realizado tamén contempla a colocación dun novo e máis eficaz cadro de mando que permitirá tamén diminuír a potencia utilizada dos 3,19 kW actuais a 1,61 kW que disporá a nova instalación cun aforro enerxético moi importante. Ademais, procederase a substitución das lámpadas actuais por outras máis eficientes de tecnoloxía LED e tamén os balastros electromagnéticos por electrónicos.

No proxecto tamén se contempla a instalación de reloxos astronómicos como sistema de control da iluminación en horarios nocturnos, cando sexa necesario, e sistemas de regulación de fluxo luminoso mediante preprogramación da luminaria.

O alcalde, Jorge Cubela, destaca que esta actuación permite ir avanzando na substitución de tecnoloxía obsoleta e máis contaminante por outra de menor consumo e máis acorde coa conservación do medio ambiente. "Imos afrontando estas renovacións dentro dun plan municipal orientado a fortalecer o noso compromiso de reducir ao máximo a achega de CO2 á atmósfera ao tempo que tamén diminuímos o gasto en consumo eléctrico", explica.

A actuación forma parte do convenio denominado 'Iluminación exterior sostible IV' asinado coa Deputación Provincial e está financiada ao 80% polos Fondos Feder a través da convocatoria de axudas a entidades locais para proxectos singulares que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

Do orzamento total de 49.855,09 euros, 39.884,07 proceden da axuda outorgada polos fondos Feder, mentras que a Deputación Provincial achega 7.478,26 euro e o Concello de Cerdedo-Cotobade, 2.492,76 euros