Cerdedo-Cotobade reducirá un 10% o imposto de vehículos

Cerdedo-Cotobade
23 de setembro 2017

A proposta irá ao vindeiro pleno ordinario da xunta xestora de Cerdedo-Cotobade, convocada para o xoves 28 de setembro e non só busca baixar a carga fiscal, tamén servirá para unificar esta ordenanza fiscal de cara ao ano 2018 para todos os veciños do concello fusionado

Constitución da xestora de Cerdedo-Cotobade Mónica Patxot

O Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) do Concello de Cerdedo-Cotobade xa é dos máis baixos da provincia e minguará aínda máis coa nova proposta do goberno local. Promove unha rebaixa fiscal dunha media dun 10% con respecto á ordenanza fiscal vixente no antigo municipio de Cotobade e sobre un 15% no caso de Cerdedo.

A proposta irá ao vindeiro pleno ordinario da xunta xestora de Cerdedo-Cotobade, convocada para o xoves 28 de setembro e non só busca baixar a carga fiscal, tamén servirá para unificar esta ordenanza fiscal de cara ao ano 2018 para todos os veciños do concello fusionado.

A medida someterase a exposición pública antes da súa aprobación definitiva para entrar en vigor o vindeiro exercicio.

Na actualidade o IVTM sitúase en 39,09 euros para un vehículo de 8 a 11,99 cabalos fiscais, que son os que predominan no parque móbil dos veciños do municipio.

O Concello recorda que este é xa o terceiro descenso tributario desde que se produciu a fusión hai once meses. Coa aprobación dos orzamentos municipais de 2017 produciuse un descenso global do 7% nos impostos, xa que os veciños pasaron de soportar 200 euros de presión fiscal anual a asumir só 186, a terceira cifra máis baixa da provincia. Posteriormente, aprobouse a supresión íntegra do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).