Cerdedo-Cotobade recollerá sinaturas en contra da supresión da sucursal de Abanca

Cerdedo-Cotobade
25 de xuño 2021

A Xunta de Portavoces respalda unánimemente o inicio de accións coordinadas para loitar contra o peche da oficina de Abanca en Carballedo. Celebrarase un Pleno Extraordinario para a vindeira semana

Oficina de Abanca en Carballedo Google Street View

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo este venres unha xuntanza cos voceiros do PSdeG-PSOE, Lina Garrido, e do BNG, Ernesto Filgueira, para afrontar de xeito unido e coordinado unha mesma resposta fronte á decisión de Abanca de pechar a sucursal de Carballedo xunto con outras 14 oficinas máis na provincia de Pontevedra entre elas as de Soutelo de Montes (Forcarei), Seixo (Marín) e Vilaxoán e Carril, en Vilagarcía.

Jorge Cubela agradeceu a confianza e o respaldo amosado pola oposición ás accións inmediatas postas en marcha polo Concello e que inclúen unha carta de protesta remitida ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, así como o establecemento dunha serie de contactos con alcaldes doutros municipios afectados pola decisión desta entidade bancaria de pechar nos vindeiros días 15 oficinas na provincia de Pontevedra.

A Xunta de Portavoces acordou convocar un Pleno Extraordinario que se celebrará a vindeira semana e o inicio dunha recollida de sinaturas contrarias ao peche da sucursal que se levará a cabo nos edificios municipais así como nos establecementos comerciais da zona de influencia da oficina de Carballedo.

O alcalde, Jorge Cubela, manifestou a súa contrariedade por esta decisión "arbitraria e sen senso" tomada por Abanca e non descartou que nos vindeiros días e en función de como se vaian desenvolvendo os acontecementos se faga un chamamento á veciñanza para participar en calquera tipo de mobilización para "evidenciar o rexeitamento a este peche inxustificado".

A Xunta de Portavoces tamén respaldou a medida iniciada polo alcalde Jorge Cubela de establecer contactos con outros alcaldes e alcaldesas de municipios da provincia de Pontevedra afectados polo peche dun total de 15 oficinas de Abanca que se levarán a cabo de xeito inmediato coa intención de coordinar actuacións e adoptar un posicionamento de forza común máis eficaz e contundente.

Finalmente, Jorge Cubela transmitiulles aos voceiros da oposición o seu desexo de manter aberto de xeito permanente unha canle de comunicación cos representantes políticos na Corporación Municipal, así como cos veciños afectados, comerciantes, autónomos, etc. co fin de ir coordinando os pasos a seguir en función das novas circunstancias que se vaian producindo.

O voceiro do BNG, Ernesto Filgueira sinalou que "Abanca está a ferir de morte a vida no rural" e dixo que o peche destas oficinas bancarias é "un ataque directo ao rural e á nosa veciñanza" asegurando que "estas son as consecuencias da política de desleixo de Alberto Núñez Feijóo e do Partido Popular de Galicia cando decidiron acabar coas caixas galegas e malvendelas".