Cerdedo-Cotobade quere "dignificar" a entrada da carballeira de San Xusto

Cerdedo-Cotobade
28 de setembro 2022

Converter o ámbito de San Xusto nun punto de atracción turística. Ese é o obxectivo do proxecto que impulsa o Concello. A primeira fase será o acondicionamento paisaxístico do entorno e os accesos da carballeira no que se investirán case 300.000 euros

Presentación do proxecto de acondicionamento de San Xusto Concello de Cerdedo-Cotobade

Converter o ámbito de San Xusto nun punto de atracción turística. Ese é o obxectivo do proxecto que impulsa o Concello. A primeira fase será o acondicionamento paisaxístico do entorno e os accesos da carballeira no que se investirán case 300.000 euros.

Esta actuación, enmárcase dentro do primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia, que ten como protagonista a zona dos meandros do río Lérez. A Xunta asumirá o 70% do custo total do proxecto, mentres que Cerdedo-Cotobade custeará o 30% restante.

"Queremos recuperar o concepto de unidade que sempre tivo e volverá a ter", subliñou o alcalde, Jorge Cubela, que recorda que na zona converxen os meandros do Lérez, os Baños do San Xusto, a capela, a carballeira e as estacións de arte rupestre compostas polos petróglifos.

Toda esta obra levarase a cabo en terreos de propiedade municipal e pretende suavizar o impacto da estrada e do pavimento sobre o entorno natural favorecendo os accesos a todo este espazo de uso e convivencia veciñal e familiar dun xeito continuo e seguro.

O núcleo da actuación busca dignificar a entrada e facer un espazo continuo recuperar a unidade que representaba a fonte, a capela e a propia carballeira.

Ao mesmo tempo, o proxecto inclúe un merendeiro, miradoiros sobre os meandros do río Lérez, iluminación LED acorde co patrimonio, a instalación de mesas e bancos e a colocación dun lastrado de pedra que lle dará continuidade a toda a zona.

A obra, segundo Cubela, será "totalmente respectuosa co entorno" e prevé incorporar novas árbores que serán frondosas autóctonas. Ademais, faranse labores de roza para despexar a vista de especies invasoras e pirófitas e se acometerá a realización dun pequeno murete de pedra arredor da capela que servirá tamén de banco para uso da xente.