Cerdedo-Cotobade quere converter o antigo cuartel de San Xurxo en vivendas sociais

Cerdedo-Cotobade
19 de marzo 2021

O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade puxo os seus ollos no vello cuartel que a Garda Civil tiña en Barbeitos (San Xurxo de Sacos). O seu obxectivo é rehabilitalo para habilitar ata nove vivendas sociais. Prevé un investimento de 1,4 millóns de euros

Antigo cuartel da Garda Civil en San Xurxo Concello de Cerdedo-Cotobade

O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade puxo os seus ollos no vello cuartel que a Garda Civil tiña en Barbeitos (San Xurxo de Sacos). O seu obxectivo é rehabilitalo para habilitar ata nove vivendas sociais. Prevé un investimento de 1,4 millóns de euros.

Para esta fin, o alcalde dirixiuse ao Goberno central para solicitar a súa autorización a este proxecto. Entende que a envergadura do investimento precisa que non se lle poña traba algunha a esta intervención como xa se ten feito para outros edificios similares.

A actuación vira en torno a un anteproxecto construtivo elaborado por un estudio de arquitectos que para transformar este coñecido edificio, que linda coa estrada nacional N-541 e en situación de ruína, e darlle unha segunda vida como vivendas de carácter social.

Estas vivendas serían de fácil acceso para as familias que queiran vivir no municipio.

O edificio está protexido por Patrimonio, recoñece o alcalde Jorge Cubela, que destaca que no seu actual estado ofrece unha imaxe "pésima".

A rehabilitación prevé conservar a fisonomía do edificio coa conservación de elementos singulares que identifican esta construción como son as antigas garitas onde se facía garda, pero adaptándoo por dentro ás necesidades actuais de operatividade e de habitabilidade.

O deseño aposta pola conservación da estrutura de pedra e os muros exteriores da facha principal (a que dá a estrada N-541) e unha redistribución do edificio que permitiría crear vivendas cunha superficie media duns 90 metros cadrados habitables. 

En concreto, serían dúas vivendas na planta inferior, dúas vivendas na planta baixa a nivel coa estrada N-541 e tres vivendas na superior, puidendo habilitarse ata outros dous apartamentos no baixo cuberta ou combinar, tipo dúplex, unha vivenda superior cun dos espazos do baixo cuberta que poderían converterse en apartamento.