Cerdedo-Cotobade quere apostar polos servizos sociais e o emprego no seu primeiro orzamento

Cerdedo-Cotobade
21 de decembro 2016

O documento, que está en fase de elaboración, incluirá plans de inserción laboral, de apoio a autónomos e moitas accións formativas. O goberno local tamén quere crear un programa específico de Benestar Social para aumentar o investimento nesta área, cifrado en 55,3 euros por persoa

José Balseiros conversa co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela Concello de Cerdedo-Cotobade

O primeiro orzamento municipal do novo Concello xurdido da unión entre Cerdedo e Cotobade ten previsto, segundo o goberno local liderado por Jorge Cubela, realizar unha aposta polos plans de emprego e polos servizos sociais, co obxectivo de favorecer aos veciños con menos recursos.

O documento atópase en fase de elaboración a través dos distintos departamentos económicos coordinados polo alcalde, que quere levalo a pleno nos primeiros días do mes de xaneiro de 2017. A cifra que se manexa rolda os 5 millóns de euros, máis do dobre da que se manexaba ata agora.

Jorge Cubela sinala que a situación económica é "perfecta" tras a liquidación do préstamo e dunha póliza por parte de Cerdedo. Apuntou que un dos principais eixos do orzamento será o emprego e a xeración de riqueza a través de plans de inserción laboral e de promoción económica, programas de apoio a autónomos e pequenos empresarios, así como un calendario de accións formativas.

En Servizos Sociais, quérese crear un plan específico para a atención ás persoas maiores, dependentes, xente en risco de exclusión e familias con poucos recurso. Quérese incrementar de maneira notable a cifra de 55,3 euros por persoa que se inviste actualmente neste apartado. 

Cubela tamén asegura que se perfila un "ambicioso" programa de investimentos, que se desenvolverá grazas ao incremento orzamentario derivado dos 1,6 millóns de euros do Fondo Autonómico de Fusións, os 300.000 euros de aumento de achega do Goberno Central e do incremento do Fondo de Cooperación Local, que se espera que alcance os 400.000 euros.