Cerdedo-Cotobade quenta motores para o Entroido con obradoiros de disfraces e carrozas

Cerdedo-Cotobade
23 de xaneiro 2020

O Entroido 2020 está á volta da esquina e en Cerdedo-Cotobade ultiman a programación de actividades para esta festa, que arrancará esta fin de semana cos obradoiros de elaboración de disfraces e de carrozas en seis parroquias do municipio

Entroido tradicional Antonio Fraguas en Carballedo Concello de Cerdedo-Cotobade

O Entroido 2020 está á volta da esquina e en Cerdedo-Cotobade ultiman a programación de actividades para esta festa, que arrancará esta fin de semana cos obradoiros de elaboración de disfraces e de carrozas en seis parroquias do municipio.

O obxectivo desta actividade, destacan desde o Concello, é favorecer as relación veciñais e fomentar a participación de grupos de veciños do municipio no Domingo de Piñata co que se pecharán estas festas.

Os obradoiros, gratuítos e orientados a públicos de todas as idades, arrancarán este sábado 25 de xaneiro e terán lugar semanalmente nas parroquias de Almofrei (19.00-21.00 horas), Borela (19.00-21.00 horas), Carballedo (16.30-18.30 horas), Caroi (16.30-18.30 horas), Viascón (11.30- 13.30 horas) e Valongo (11.30-13.30 horas).

Tras esta actividade previa, as festas propiamente ditas comezarán o domingo 16 de febreiro coa undécima edición da Festa do Petote, que servirá para degustar o típico cocido de Entroido acompañado polo bolo de millo típico de Cotobade. A falta de pechar algúns detalles, manterase o formato de rúa do pasado ano con posterior degustación nos restaurantes.

Xa o domingo seguinte, 23 de febreiro, celebrarase a tradicional Festa de Entroido no pavillón municipal de Cerdedo con inchables, xogos, obradoiros e música.

Coma sempre, a entrada será libre aínda que se recomenda que os participantes acudan disfrazados para crear ambiente de Entroido.

O programa de actividades pecharase, como é habitual, co Domingo de Piñata, que nesta ocasión adíase unha semana e terá lugar o domingo 8 de marzo no pavillón de Carballedo co seu formato habitual de pasarrúas de disfraces, grupos e carrozas acompañados por actividades complementarias para os cativos e animación musical e de lecer.

Arquivado en