Cerdedo-Cotobade prepara un plan turístico estratéxico coa Carballeira e Baños de San Xusto

Cerdedo-Cotobade
15 de decembro 2020

As actuacións previstas pasan por rozas e limpezas nos perímetros dos petróglifos e emprego de sistemas de protección perimetrais dos recursos arqueolóxicos. Ademais, considérase fundamental a entrada en funcionamento do balneario lúdico dos Baños de San Xusto para 2021

Visita do alcalde Jorge Cubela a San Xusto Concello de Cerdedo-Cotobade

A contorna etnográfica e arqueolóxica da Carballeira e os Baños de San Xusto son os emprazamentos fundamentais do plan turístico estratéxico que prepara o Concello de Cerdedo-Cotobade. Trátase dun recurso turístico "de primeiro nivel que sufrirá nos próximos meses unha importante actuación" como sinalan desde a administración local.

As actuacións previstas pasan por rozas e limpezas nos perímetros dos petróglifos e emprego de sistemas de protección perimetrais dos recursos arqueolóxicos. Ademais, considérase fundamental a entrada en funcionamento do balneario lúdico dos Baños de San Xusto para 2021.

A pretensión é converter os petróglifos, a Carballeira, a canle de auga, os meandros do Lérez e o balneario dos Baños de San Xusto nun armazón de referencia patrimonial e turística non só do municipio senón do conxunto territorial que coforman as 'Terras de Pontevedra'.

"Queremos aproveitar este tempo para poñer en valor o noso inxente patrimonio e engrasar ao máximo a nosa maquinaria de promoción turística para que, no momento en que se poida, captar o máximo publico posible. Non nos podemos durmir e temos que aproveitar as oportunidades que se nos poden presentar para dinamizar o tecido económico do noso municipio", sinalaba o alcalde Jorge Cubela.