Cerdedo-Cotobade inicia a renovación das pistas de Limeres e Pozo Negro

Cerdedo-Cotobade
22 de abril 2019

A parroquia de Rebordelo seguirá con melloras tras esta estrada coa construción dun depósito de auga e as reformas na Casa do Pobo

Ensanchamento da pista do Pozo Negro Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de iniciar as obras de renovación integral e de ensanchamento da pista do Pozo Negro, na parroquia cotobadesa de Rebordelo, e no viario interno do lugar de Limeres, na parroquia de Cerdedo. Esta dobre actuación, incluída no Plan de Vías 2019, suporá o investimento de máis de 90.000 euros.

A renovación integral da pista do Pozo Negro acométese tras comprobar o seu estado, bastante deteriorado polo envellecemento dos materiais, a afección da climatoloxía e o tráfico. Esta actuación, que incluirá o perfilado e mellora do trazado, así como a dotación dunha nova capa de rodadura, terá un investimento de 30.000 euros, que serán financiados ao abeiro dun plan da Consellería de Medio Rural.

A parroquia de Rebordelo continuará en obras tras a actuación nesta estrada, xa que de inmediato vaise construír un novo depósito de auga, orzamentado en 29.000 euros, e vanse realizar certas reformas na Casa do Pobo cun investimento de 30.000 euros.

Paralelamente, tamén vén de iniciarse unha obra de ensanchamento no acceso ao núcleo de Limeres co obxectivo de duplicar a anchura existente nesta estreita pista para garantir o tráfico simultáneo e evitar os problemas de colapso na circulación cando se atopan dous vehículos. Esta obra, que conta cun orzamento de 63.000 euros, ten bastante complexidade pola proximidade de vivendas e muros en torno á pista, polo desnivel existente e polas pequenas dimensións do vial.

Este ensanchamento, que afecta a un treito de 210 metros de lonxitude, comeza coa construción de potentes muros de contención en pedra para garantir a seguridade da obra e do posterior tráfico de vehículos e peonil, o recheo para proceder á ampliación do vial, a dotación de canalizacións de auga para evitar as escorrentías, o retranqueo de muros e peches e concluirá coa renovación de toda a capa de rodadura.

Dende o Concello recomendan aos veciños e usuarios destas vías que se despracen con precaución pola presenza de maquinaria pesada e operarios nestas dúas contornas.