Cerdedo-Cotobade inclúe 23 actividades na programación de Nadal

Cerdedo-Cotobade
04 de decembro 2017

A Carreira Popular da Victoria, a festa infantil de Fin de Ano coas badaladas a mediodía e a Cabalgata de Reis serán as máis concorridas

Recreación dunha escola antiga da man do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) Juan Mejuto

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de pechar a súa programación do Nadal 2017 con 23 actividades que inclúen exposicións, música, teatro, actividades deportivas, festas, cultura e proxeccións de cine, así como a tradicional Cabalgata de Reis coa súa posterior recepción.

As actividades, deseñadas polo Departamento de Cultura e a OMIX, arrancarán mañá cunha triple exposición que permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro no consistorio de Carballedo.

Haberá unha exposición sobre postais de Nadal elaboradas polos rapaces dos centros educativos e unha mostra de cultura clásica dos estudantes do IES de Cotobade e outra de recreación dunha escola antiga da man do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega).

Polo demais, o apartado musical volverá a copar gran parte do interese coas panxoliñas de nadal previstas para o día da Lotaría, as Cantadas de Nadal na igrexa de Augasantas, o espectáculo de Amigos do Acordeón e o Festival da Escola de Música de Cerdedo no Centro Cultural de Cerdedo, o concerto da Banda de Música de Tenorio e o Certame de Reis no colexio público de Carballedo.

Por outra banda, volven a programarse a Carreira Popular da Victoria, que se consolida deste xeito coa súa segunda edición o día 23 de decembro, e a festa infantil de Fin de Ano con xogos e inchables e as badaladas adiantadas ao mediodía do día 31 no pavillón de Carballedo.

Tamén haberá un percorrido a cabalo pola Ruta do Lérez que se desenvolverá na modalidade Trec e que está organizado polas Escolas Deportivas Cotobade, unha excursión a Nadalocio en Pontevedra e a presentación do libro "Cotobade: claves dunha historia rural" a cargo do historiador e escritor Xosé Fortes Bouzán, que con esta publicación vén de acadar unha versión máis reducida do seu gran volume "Terras de Cotobade".

Finalmente, o prato forte chegará o 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis polas distintas parroquias desde primeira hora da mañá e, xa pola tarde, a tradicional recepción ás Súas Maxestades na Praza do Concello e na sede administrativa de Cerdedo e posteriormente unha festa con entrega de premios, agasallos, animación musical e chocolatada no colexio desta localidade.