Cerdedo-Cotobade e Moraña recibirán novas achegas do Plan Concellos

Cerdedo-Cotobade
25 de maio 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a aprobación, na vindeira Xunta de Goberno da institución provincial, de novas achegas, por valor de 669.298,62 euros ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a aprobación, na vindeira Xunta de Goberno da institución provincial, de novas achegas, por valor de 669.298,62 euros ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017.

Entre os concellos que se benefician destas axudas están Cerdedo-Cotobade e Moraña.

Máis polo miúdo, Cerdedo-Cotobade beneficiarase de 110.010,38 euros para o saneamento, asfaltado, acondicionamento e pavimentación de camiños en Famelga, Pazos de Borela, Valongo e Vilanova. Con esta achega, Cerdedo-Cotobade ten o 87,29% do Plan Concellos adxudicado.

No caso de Moraña, as achegas ascenden a 68.888,39 euros que lle permitirán ao concello pavimentar viais e realizar acometidas de saneamento no lugar de Cosoirado. Con esta axuda, Moraña ten xa o 100% do Plan Concellos deste ano aprobado.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque "con esta relación levamos xa aprobadas achegas para investimentos nos concellos da provincia por valor de máis de 13,3 millóns euros, é dicir, o 51,62% da liña 1 que este ano ascende a 25.750.000 euros".

Tamén engadiu Silva a importancia destas achegas "que está a permitir, unha vez más,que os concellos poidan facer fronte ás súas competencias e impulsar novos investimentos e novos proxectos en beneficio das veciñas e veciños da provincia de Pontevedra".