Cerdedo-Cotobade chora a morte de Nélida Piñón

Cerdedo-Cotobade
18 de decembro 2022

A escritora brasileira era filla adoptiva do Concello e gardaba unha estreita relación coa parroquia de Borela, onde tiña as súas raíces

Nélida Piñón, de visita en Cerdedo-Cotobade Cristina Saiz

Pesar no Concello de Cerdedo-Cotobade polo falecemento da escritora brasileira Nélida Piñón.

A literata era filla adoptiva do Concello gardaba unha estreita relación coa parroquia de Borela, onde tiña as súas raíces. De feito hai só dous meses, en outubro, realizara unha visita ao municipio con motivo da presentación da terceira edición do premio literario que leva o seu nome, participando nun coloquio na Casa do Pobo de Borela.

A noticia do seu falecemento en Lisboa correu como a pólvora pola parroquia e por todo o concello.

Piñón, que sempre reivindicou os seus vínculos con Borela e con Cerdedo-Cotobade como terra da que eran orixinarios os seus pais, atesoura multitude de recoñecementos internacionais pola súa traxectoria literaria, chegando a ser a primeira presidenta da Academia Brasileira de Letras, no ano 1996. Ademais en 1995 obtivo o Premio Internacional Juan Rulfo de Literatura Latinoamericana, e en 2005 o Premio Príncipe de Asturias das Letras.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, trasladou en nome da corporación municipal o pésame á familia da escritora.