Cerdedo-Cotobade aproba os primeiros orzamentos post fusión, de 5 millóns de euros

Cerdedo-Cotobade
06 de abril 2017

Inclúen medidas como unha rebaixa do 8% nos impostos e axudas aos autónomos e ás empresas con domicilio fiscal no municipio. O presidente e o vicepresidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, explicaron que o orzamento é un 50% superior ás contas por separado 

Jorge Canda e José Balseiros Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de presentar o seu primeiro orzamento municipal conxunto dende a fusión, que sairá aprobado pola xunta xestora este mesmo xoves. Trátase das contas para este ano 2017, que ascenderán a 4.958.658 euros e inclúen medidas como unha rebaixa do 8% nos impostos e axudas aos autónomos e ás empresas con domicilio fiscal no municipio.

O presidente e o vicepresidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, explicaron que o orzamento é un 50% superior ás contas por separado que presentou cada municipio o ano pasado e cumpre cun dos obxectivos que ambos os dous se plantexaron coa fusión: "ter moitas máis posibilidades de futuro". Lograrase, segundo sosteñen porque favorecen o mantemento e reforzo dos servizos públicos, aumentando os investimentos, potenciando os servizos sociais e actuando en materia de emprego para mellorar a calidade de vida dos veciños e tentar o fixamento de poboación.

A maior partida orzamentaria vaina levar o capítulo de gastos e bens correntes, con 1,98 millóns de euros e os servizos sociais como un dos sectores estratéxicos, con "moitas políticas e accións pensadas por e para as persoas". Nesta área haberá partidas pioneiras para a axuda a autónomos e pequenas e medianas empresas, potenciarase o sector turístico e haberá subvencións para a obtención do carné de conducir ou para o remate dos estudos de ESO.

Haberá preto dun millón de euros, 956.000 euros, en investimentos propios para realizar 24 actuacións que inclúen melloras viarias, depuracións, saneamentos, traídas de augas, parques infantís ou rehabilitacións de espazos veciñais. En total, entre todas as administracións farán investimentos por 6,2 millóns de euros, unha cifra "histórica" que responde "ao maior peso do concello fusionado, xa que temos máis poboación, territorio e peso institucional".

O 32% do orzamento irá destinado á área de persoal, na que, de todos os xeitos, haberá un aforro que consideran "importante" ao manter unha soa adicación exclusiva, a de Jorge Cubela, que custará 40.000 euros.

Segundo informou o Concello, manterán todas as prazas como froito da aposta por municipalizar servizos, entre eles o mantemento do alumeado, e dun traballo por crear sinerxias entre os cadros de persoal dos dous concellos previos.  Á hora de contratar persoal para a brigada de extinción de lumes forestais, os obradoiros de emprego, o Plan Concellos e as políticas activas de emprego, o Concello apostará por contratar persoas empadroadas no municipio

Nos aspectos fiscais, ademais da medida de rebaixa dos impostos do 8%, haberá unha bonificación do 90% do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para aquelas empresas que opten por Cerdedo-Cotobade para asentarse e desenvolver a súa actividade, oferta que se lle fixo xa ao Grupo Ence. Ademais, o Fondo de Cooperación Local (FCL) aportará 400.000 euros e un incremento de 450.000 máis como incentivo pola fusión.