O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o seu homólogo en A Estrada, Gonzalo Louzao, mantiveron unha xuntanza para explorar vías de colaboración puntuais e permanentes en materia cultural, promoción turística e de servizos entre ambos os dous municipios.
Os rexedores manifestaron a súa satisfacción por esta primeira entrevista de traballo que xirou en torno á necesidade de dar resposta conxunta a temas que afectan dun xeito similar aos veciños dous concellos, que comparten moitas particularidaees.
Así, Cubela e Louzao destacaron especialmente a extensión e espallamento poboacional, o envellecemento da poboación, a necesidade de reactivar políticas de enraizamento da poboación e a busca de alternativas para a mocidade.
Outro dos temas que centrou esta xuntanza estivo relacionado coa promoción turística do interior da provincia de Pontevedra e máis concretamente do Camiño de Taverneiro.
Destacaron que se trata dun intinerario alternativo e complementario aos camiños de Santiago tradicionais e que comeza a despertar grande interese.
É un itinerario que discorre parte da fronteira protuguesa e chega a Santiago atravesando os municipios de Salvaterra do Miño, Ponteareas, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Santiago de Compostela.
Os dous alcaldes, que tamén teñen en común ter chegado ás súas respectivas alcaldías en idades moi novas, acordaron seguir explorando estas e outras vías de colaboración.
A intención é traballar para mellorar a calidade de vida dos seus respectivos veciños e seguir estreitando as relacións institucionais entre estes concellos veciños con intereses comúns.