Cerdedo-Cotobade activa un protocolo de xestión sanitaria do lixo

Cerdedo-Cotobade
02 de abril 2020

O Concello informa tamén á veciñanza dunha solución desinfectante para os fogares a base dunha mistura de lixivia e auga

Punto limpo de Cerdedo Cotobade Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade adoptou unha serie de medidas coma o peche do punto limpo, o adiamento da recollida de residuos voluminosos, a activación dun protocolo de xestión sanitaria do lixo para casos positivos ou veciños en corentena, a comunicación de recomendacións xerais para o depósito axeitado do lixo e a información sobre solucións desinfectantes para os domicilios.

En primeiro lugar, e xa dende o decreto do Estado de Alarma, decidíuse o peche do punto limpo, emprazado na estrada de Deán, por cuestións de saúde pública e ata novo aviso e, paralelamente, optouse polo adiamento definitivo da recollida de residuos voluminosos, unha medida que se prolongará polo menos durante todo o mes de abril. Ao respecto, dende o Departamento Municipal de Medio Ambiente pregan aos veciños que os garden nos seus domicilios de xeito provisional ata que se supere esta crise sanitaria.

Así mesmo, activouse un protocolo informativo de xestión sanitaria do lixo para os veciños que dean positivo en coronavirus ou aqueles que deban gardar corentena por esta enfermidade.

Neste senso, deben depositar todos os seus residuos en varias bolsas diferenciadas –seguindo as instrucións sanitarias– sen facer ningún tipo de separación e posteriormente introducila na dos residuos domésticos orgánicos da vivenda para deixala exclusivamente nos contedores verdes da bolsa negra.

Tamén se cursou unha recomendación xeral para toda a veciñanza explicando que, na actual situación, debe extremarse o depósito axeitado de lixo evitando sempre botalo fóra dos contedores e que desborde dos mesmos, xa que os residuos son un foco de contaxio e unha xestión incorrecta dos mesmos pode aumentar o risco de transmisión do coronavirus entre o resto dos cidadáns e os traballadores do servizo de recollida e limpeza. Ademais, tamén se elaborou un protocolo interno con recomendacións técnicas para a realización da limpeza e desinfección de lugares públicos con afluencia de xente e do mobiliario urbano.

Nesta liña, Medio Ambiente tamén informou á veciñanza, a través das súas canles oficiais, da elaboración de solucións desinfectantes a base dunha mistura de lixivia e auga que poden ser de gran utilidade para a limpeza de superficies nos domicilios e da recomendación de emprego de hidroalcol para os obxectos persoais.

Finalmente, dende este departamento lémbrase que todos estes protocolos figuran no apartado web www.cerdedo-cotobade.gal/medioambiente e no seu perfil oficial en Facebook, aínda que tamén se atenderán persoalmente as dúbidas dos veciños de xeito telefónico a través do número 986 753006 ou no enderezo electrónico medioambiente@cerdedo-cotobade.gal