O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, informou a través da edición dun bando municipal da celebración, este venres 22 de decembro ás 17 horas na igrexa parroquial de San Xoán Bautista de Cerdedo, do funeral de cabodano polas vítimas do accidente do autobús ocurrido en Noiteboa en Pedre
O funeral será oficiado polo arcebispo de Santiago, o monseñor Francisco José Prieto Fernández.
O alcalde anima nese bando á veciñanza a manifestar o seu pesar e lembrar ás persoas que perderon a vida no fatal accidente na N-541 ao seu paso polo núcleo de poboación de Pedre que motivou unha profunda dor en todo o municipio.
Este sinistro deu orixe á creación do 'Pacto de Pedre', do que forman parte a práctica totalidade dos concellos das provincias de Pontevedra e Ourense por onde discurre esta estrada nacional.
Ao funeral de cabodano asistirán representantes do mundo da política e a sociedade galega en xeral para rendirlle homenaxe e expresar o seu respecto polas vítimas do accidente así como achegar ás familias o seu apoio e solidariedade.