Cerco ao "furtivismo de bañador" en praias de Poio e A Illa de Arousa

Poio
03 de agosto 2018

Acabar co denominado "furtivismo de bañador", que se dá cando os turistas chegan ás praias galegas e apañan marisco, é o obxectivo da campaña que vén de poñer en marcha a Xunta de Galicia nas praias galegas que reciben máis visitantes durante a época estival e que, ao mesmo tempo, contan con maior produción marisqueira

Xente na praia Diego Torrado

Acabar co denominado "furtivismo de bañador", que se dá cando os turistas chegan ás praias galegas e apañan marisco, é o obxectivo da campaña que vén de poñer en marcha a Xunta de Galicia nas praias galegas que reciben máis visitantes durante a época estival e que, ao mesmo tempo, contan con maior produción marisqueira.

A campaña, que ten como lema Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, chegou este venres á praia de Raxó, en Poio, un dos municipios pontevedreses nos que se actuará.

Ata alí desprazouse a conselleira de Mar, Rosa Quintana, que puxo de relevo a importancia do marisqueo nesta zona, pois os mariscadores representan máis da metade dos membros da confraría de Raxó.

Quintana fixo fincapé en que o obxectivo desta acción é concienciar á cidadanía sobre a importancia do marisqueo e a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

Co obxectivo de poñer en valor esta actividade e amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e que desenvolven os seus profesionais, realizaranse un total de 50 accións, que consisten nunha dinámica de xogo educativo.

Para desenvolvela, a Xunta solicitou a implicación do sector enviando a principios de xullo unha misiva a todas as confrarías de Galicia para informalas da súa posta en marcha.

Neste sentido, a conselleira destacou a importancia de loitar xuntos contra a problemática do "furtivismo de bañador", poñer en valor o labor dos mariscadores e mariscadoras profesionais e facer un chamamento á responsabilidade de cada bañista. 
 
Tras estar en Poio, a campaña chegará a varios municipios da provincia, entre eles A Illa de Arousa. Así, estará nas praias do Vao e Area da Secada o 12 de agosto e nas de Salinas, Espiñeiro, Riasoón, Cabodeiro, Sapeira, Lavanqueira, Camexe e Camaxiñas entre os días 15 e 17 de agosto.

En relación á problemática do furtivismo nas praias, Rosa Quintana explicou que cada verán o Servizo de Gardacostas realiza entre 500 e 1.000 inspeccións nos areais galegos, nas que incluso se chegan a comisar máis dunha tonelada de marisco.  

Neste sentido, dixo que o furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos.

Tamén é un problema medioambiental, engadiu, porque supón un prexuízo para o ecosistema e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.