Centos de veciños saíron á rúa en Portas para defender a permanencia da sucursal de Abanca no municipio

Umia
11 de setembro 2021

A manifestación saíu desde o Consistorio e percorreu as céntricas rúas da vila ata chegar á sede da oficina bancaria, única no  concello e que corre o risco de peche a partir de 22 de setembro

Manifestación en Portas contra o peche da oficina bancaria Concello de Portas

Centos de veciños convocados de xeito unánime polos grupos políticos que conforman a Corporación Municipal (PPdeG, VUP, BNG e PSdeG-PSOE) manifestáronse polas rúas de Portas para protestar contra a decisión de Abanca de pechar a única oficina bancaria da que dispón o municipio a partir do 22 de setembro.

Abriu a manifestación unha pancarta unitaria encabezada polo alcalde e os voceiros dos grupos municipais que compoñen a Corporación cun lema no que se denunciaba o peche dos servizos bancarios no mundo rural e reclamaban a permanencia da sucursal. A continuación, colocáronse os os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e de Campo Lameiro, Carlos Costa, así como a deputada autonómica Lupe Murillo e varios edís destes concellos así como de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.

Unha vez que a manifestación chegou ata o lugar que ocupa a sucursal de Abanca, os concentrados fixeron un círculo entorno á fachada da oficina bancaria para escoitar un manifesto da Corporación Municipal lido polo alcalde, Ricardo Martínez.

O manifesto unitario indicaba que "non somos os primeiros en sufrir este atropelo e, por desgraza, tampouco seremos os últimos en padecer unha decisión unilateral e inxusta como a que está a tomar a Dirección de Abanca. Acudimos aquí a amosar o noso rexeitamento total a unha política empresarial que está a producir un grave dano no tecido económico e social no mundo rural afondando na perda de servizos e no despoboamento da Galicia e da España rural".