Centos de persoas volven deixarse conquistar pola troita

Ponte Caldelas
30 de maio 2022

A xornada estivo marcada polos premios, como colofón ao Concurso Internacional de Pesca Deportiva da Festa da Troita. O gañador do concurso foi Antonio Lorenzo Freitas, da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, que se fixo co primeiro posto da categoría sénior. A troita máis grande pescouna Manuel Alfonso Fontán, un exemplar de 33 centímetros

Festa da Troita na Alameda Concello de Ponte Caldelas

Centos de persoas deixáronse conquistar pola troita este domingo en Ponte Caldelas. O posto de degustación instalado na Alameda desde o sábado despachou o prato estrela da Festa da Troita durante toda a xornada, preparado fritido e en escabeche. 

A xornada estivo marcada tamén polos premios, como colofón ao Concurso Internacional de Pesca Deportiva da Festa da Troita, organizado pola Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas durante toda a fin de semana.

O acto de entrega de premios tivo lugar este domingo ás 13.00 horas na Alameda de Ponte Caldelas conducido pola concelleira Aurora Garrido e coa participación do alcalde, Andrés Díaz, os concelleiros Enrique Vidal, José Manuel Garrido, Inés Garrido e Pilar Couto; o delegado de Pesca de Verdeseixo, Santiago Pérez, o vicepresidente de Verdeseixo, Manuel Iglesias; e o tesoureiro da entidade, Jesús Garrido. Tamén estiveron no acto o sarxento da Garda Civil de Ponte Caldelas, Javier Márquez, e a deputada de Turismo na Deputación, Ana Laura Iglesias.

O gañador do concurso foi Antonio Lorenzo Freitas, da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, que se fixo co primeiro posto da categoría sénior ó acadar a maior puntuación por capturas. Para el foi a troita de prata que o recoñece como gañador desta edición do concurso.

O segundo posto foi para Luis Esperón Pérez (Verdeseixo) e o terceiro para Manuel Alfonso Fontán (Verdeseixo).

A troita máis grande acadouna Manuel Alfonso Fontán (Verdeseixo) que capturou un exemplar de 33 centímetros.

Na categoría de sociedades o primeiro posto foi para a Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, o segundo para o Club Carballedo e o terceiro para o Club de Caza e Pesca Padrón. En veteranos todos os premios foron para o club Rio Ulla: o primeiro posto acadouno Manuel Mariño Varela, o segundo Raúl Mariño Teira e o terceiro Ramiro Rey Casais. Na categoría feminina gañou Nieves Iglesias Carrera (ADN Ribadavia) e o segundo posto foi para Nieves Salgueiro Martínez (Verdeseixo).

Na categoría xuvenil triunfou Ángel Blanco Falcón, o segundo posto foi para Fabián Eiras Torrado e o terceiro para Iago Fraga Ricoy. Na categoría infantil gañou Iván Moledo Amoedo e seguírono Martín Lorenzo Salgueiro e Ainara Estévez Peleteiro.

 A xornada de domingo  tamén contou coa música da Banda de Música de Meaño, que fixo o tradicional pasarrúas e que ofreceu un concerto na Alameda. O día rematou coa terceira xornada do I Festival Troita Folk, que contou cunha sesión de cantos de taberna cos grupos Catro Ventos de Ponte Caldelas e Cantanascroas de Salcedo.