Centos de persoas manifestan o seu Orgullo en Pontevedra: "Este día non é festa, é de loita e protesta"

Pontevedra
02 de xullo 2022

Tanto nas consignas que proclamaron na macha como no seu manifesto final cobrou protagonismo o colectivo Trans e a nova Lei Trans. Unha das notas discordantes da marcha foi a pontevedresa Paula Dapena, que levou un pequeno cartel coas mensaxes "Ser mujer no es un sentimiento" e "La ley Trans es homófoba"

Manifestación do Orgullo en Pontevedra 2022 PontevedraViva

"Loita, Orgullo, Memoria". Este lema encabezou este sábado a manifestación convocada en Pontevedra con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, unha marcha convocada pola asociación Avante LGBT Pontevedra que congregou por centos de persoas entre o Hospital Provincial e a praza de España.

A marcha encheu de colorido e reivindicación as rúas de Pontevedra reclamando dereitos para as persoas do colectivo LGTBIQA+ e proclamando que é necesario conmemorar este día con loita e non con festa. "Este día non é festa, é de loita e protesta", corearon durante boa parte da manifestación. 

Tanto nas consignas que proclamaron na marcha como no manifesto lido ao seu termo na praza de España cobrou protagonismo o colectivo Trans e a nova Lei Trans que este luns 27 de xuño aprobou o Consello de Ministros e acaba de ser enviada ao Congreso dos Deputados para que inicie a súa tramitación par

Durante o percorrido puideron escoitarse frases como "así, así, sen un paso atrás, queremos dereitos para as persoas trans", "a nosa existencia non é un debate" e "non seremos libres se non estamos todes". Tamén no manifesto final reivindicouse "o colectivo trans e non binario precisamos agora" e "non falamos só de homes e mulleres, tamén de persoas non binarias".

Unha das notas discordantes da marcha foi a pontevedresa Paula Dapena, coñecida desde o ano 2020 polo seu xesto ao negarse a gardar un minuto de silencio en memoria de Diego Armando Maradona e desde entón un referente na loita feminista.

A moza acudiu á manifestación cun pequeno cartel coas mensaxes "Ser muller non é un sentimento" e "A lei Trans é homófoba", dúas das reivindicacións do denominado feminismo radical. A súa presenza na marcha sentou mal a parte dos presentes, que a abordaron de malas formas e chegaron a acosar. Botábanlle en cara que estaba soa ata que un manifestante a apoiou e, defendida por un grupo de manifestantes, continuou o percorrido sen maiores incidentes. Ao fin da marcha, desde o micrófono, fíxose referencia velada á súa presenza. 

A marcha foi especialmente reivindicativa co momento actual do colectivo e tamén coa súa historia. "Todas, todes, todos temos memoria", proclamou o seu manifesto, que tamén quixo botar un ollo ao pasado e "reivindicamos a historia dos nosos logros".

Non faltaron os recordos a Samuel Luiz, mozo coruñés asasinado o ano pasado na Coruña dunha brutal malleira na que os asaltantes gritaron "maricón". O seu crime, cualificado como homófobo, ocorreu hai un ano, o 3 de xullo de 2021, e así o lembraron tanto algúns carteis presentes na manifestación como a organización a través do seu manifesto.

En clara alusión ao seu asasinato, algúns dos berros da manifestación foron "perdón por molestar, estannos a matar" ou "se mañá son eu, queimádeo todo".