Un golfiño común aparecía, á primeira hora da mañá deste domingo, varado na parte interior do complexo intermareal Umia - O Grove, na costa deste municipio fronte á Illa da Toxa. Minutos máis tarde, tamén aparecía un segundo exemplar nadando, que tamén acabo varando na ría, nas proximidades do Parque das Besadas.
Segundo indican desde a ONG CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) desprazáronse varias unidades móbiles ata o lugar. Alí atopáronse cunha femia adulta e un macho xuvenil.
Os dous exemplares foron recollidos, avaliados e, unha vez analizado o seu estado de saúde, volveron ser introducidos no centro da ría de Arousa.
Na intervención colaboraron coa súa embarcación os integrantes de Bottlenose Dolphin Research Institute BDRI, ademais de efectivos de Emerxencias O Grove, da Policía Local, guardapescas da confraría San Martiño e piragüistas do club de remo.