Celadores e xerencia analizan os cambios de padiolas e cadeiras de rodas na área sanitaria

Pontevedra
23 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

José Flores Arias, xerente da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, comprometeuse ante os representantes dos celadores a trasladar á Consellería de Sanidade diversas cuestións que afectan a este colectivo profesional e accedeu a manter encontros periódicos para tratar diferentes cuestións laborais

Reunión entre representantes de celadores e o xerente da área sanitaria José Flores
Reunión entre representantes de celadores e o xerente da área sanitaria José Flores / Área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, SERGAS

O colectivo de celadores mantén a súa reivindicación para ser considerados persoal sanitario, unha demanda que se prolonga historicamente e que este venres era trasladada ao xerente da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, José Flores Arias, que mantivo un encontro cunha representación destes profesionais dos hospitais públicos de Pontevedra, que conta con Gustavo Olmedo como portavoz.

O xerente escoitou as demandas que tamén se manifestaron en relación a casuísticas profesionais e de funcións no organigrama asistencial e comprometeuse a trasladar á Xunta de Galicia as peticións do colectivo. Ademais, indicou que manterá a continuidade de reunións de maneira periódica para coñecer as reclamacións dos celadores.

Entre os temas tratados destaca o programa de renovación de material coa adquisición de padiolas e cadeiras de rodas nas áreas de Urxencias e de quirófanos, que son as máis utilizadas. Tamén se elaborou un inventario de futuras adquisicións para mellorar o servizo de traslado de pacientes.

O colectivo manifesta que a utilización de material obsoleto provoca un sobreesforzo diario nestes profesionais.

Ademais, reclaman unha mellora nas contratacións do persoal para fomentar a estabilidade laboral e evitar tamén os cambios diarios de servizos. Por último, piden un grao medio de Formación Profesional, que tamén permitiría a consolidación como categoría sanitaria deste persoal.

Desde a xerencia da área sanitaria sinalan que continúan a potenciar programas de humanización para mellorar os servizos sanitarios públicos de calidade.

O xerente acudiu á cita acompañado polo director de Recursos Económicos da área sanitaria, Vicente García Fernández.