Celadores do distrito sanitario de Pontevedra denuncian que a xerencia abusa dos contratos temporais dun día

Pontevedra
23 de outubro 2021

Profesionais deste servizo trasladarán a Recursos Humanos da área sanitaria o vindeiro 29 de outubro o seu malestar ao estar pendentes, en moitos casos, dos días libres prometidos con motivo do traballo durante os primeiros días da pandemia. Denuncian tamén a contratación de persoal de servizo do Sergas para cubrir as baixas de celadores en Atención Primaria

Profesional extrae unha padiola dunha ambulancia no Hospital Montecelo de Pontevedra Mónica Patxot

O auditorio do Hospital Montecelo acollía este xoves unha asemblea de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ante a súa preocupación por varios temas que afectan directamente á súa situación profesional.

Gustavo Olmedo, portavoz del colectivo, afirma que un importante número de profesionais, tanto con contrato fixo como temporal, reclama os días libres que se lles prometeron desde a xerencia da área sanitaria durante os primeiros meses da pandemia. Afirman que eles tiñan contacto directo con pacientes covid e, nalgúns casos, contaxiáronse durante o traslado de pacientes coa enfermidade pandémica. O conselleiro de Sanidade Julio Garíca Comesaña anunciara en 2020 ata tres días de descanso para compensar o persoal dos centros hospitalarios con máis carga de traballo debido ao incremento de casos covid.

Sinalan que desde a dirección da área concedeuse días libres de maneira selectiva e sen responder a criterio algún. Por este motivo, o venres 29 de outubro manterán unha reunión con responsables de Recursos Humanos para trasladar o seu malestar por este tema. 

O encontro servirá tamén para demandar contratos de maior duración. Sinalan que os celadores en réxime temporal son contratados por un día para un servizo e, ao día seguinte, teñen que asinar un novo contrato para outro servizo. Demandan contratos dignos e cunha duración maior para evitar estas situacións de incerteza.

A esta situación súmase agora que nos centros de Atención Primaria, os celadores son substituídos en caso de baixa ou de vacacións por persoal de servizo do Sergas (PSX), unha figura que só existe no sistema sanitario galego e que cumpre funcións semi administrativas, segundo sinala Gustavo Olmedo. Esta situación produciuse, entre outros centros, en Baltar (Sanxenxo) e no centro de saúde da Parda (Pontevedra). O temor do colectivo é que esta fórmula termine estendéndose a todos os centros e poña en perigo a figura profesional do celador. Afirman que hai xa unha sentenza dun celador de Ourense, aínda pendente de firmeza xurídica, que obriga ao Sergas para realizar substitucións cunha persoa da mesma categoría profesional e non con PSX.

Piden tamén ás forzas políticas de Galicia con representación parlamentaria que presenten un anteproxecto non de lei para que os celadores sexan recoñecidos como profesionais sanitarios, como xa se presentou no Parlamento balear, de forma que conten cunha formación e titulación específica. Olmedo lembra que a súa categoría regúlase aínda por unha orde ministerial do ano 1971, normativa  preconstitucional á que demandan unha revisión.

Actualmente, no distrito sanitario de Pontevedra figuran 937 persoas que exercen de celadores que, ademais, reclaman mellor material ao atoparse con padiolas e, sobre todo, cadeiras de rodas no servizo de Urxencias en "situación precaria". Na reunión con Recursos Humanos pedirán tamén datos sobre cal será a súa situación laboral no futuro Gran Montecelo coa creación de novas áreas e servizos.