CCOO sairá en solitario o 1º de maio ás rúas de Pontevedra desvinculándose de UGT porque "todo ten un límite"

Pontevedra
26 de abril 2023

José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CCOO Pontevedra, explica esta división da tradicional manifestación conxunta con motivo do Día do Traballador en que UGT supedita a acción sindical a intereses dun partido político e en que están a realizar prácticas que vulneran a liberdade sindical e os dereitos laborais

Representantes de CCOO na presentación da manifestación do 1º de maio Mónica Patxot

"Non supeditamos a nosa acción sindical a ningún partido político e UGT si o fai", con estas palabras José Luis García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras en Pontevedra, explicaba un dos principais argumentos que impiden que o próximo 1 de maio, os dous sindicatos realicen unha manifestación conxunta polas rúas de Pontevedra en defensa dos dereitos dos traballadores.

A outra causa que alegan desde CCOO se atopa en que, segundo García Pedrosa, UGT realiza "prácticas que vulneran a liberdade sindical e os dereitos dos traballadores e traballadoras e iso non é aceptable". O representante sindical afirmou que hai moito tempo que manteñen diferenzas con UGT no ámbito de Pontevedra, aínda que manteñan unidade sindical noutros conflitos como a folga de transporte ou as demandas laborais á Autoridade Portuaria de Marín. 

García Pedrosa lembrou que existen diferenzas de criterio en relación a ENCE e noutras situacións que se producen en empresas nas que se atopan con resistencia para convocar eleccións sindicais como o caso de ASAI ou noutros conflitos en empresas ou en administracións públicas. Acusa a UGT de manter unha postura que "non é propia do sindicalismo de clase" e advirte que "todo ten un límite"

Por este motivo, Comisións Obreiras realizará a súa manifestación do luns 1 de maio ás 11.00 horas con saída na praza da Ferrería ata finalizar diante do Concello de Pontevedra. O lema é "subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios e empregro digno na comarca".

Este sindicato, segundo explicaba José Luis García Pedrosa, considera que hai melloras importantes nesta última lexislatura no terreo laboral con maior estabilidade no emprego como consecuencia da reforma laboral, de maneira que de cada dez contratos que se fan catro son estables; incremento do salario mínimo interprofesional; ou a reforma das pensións en Galicia con 75.000 pensionistas na provincia que ven incrementadas as achegas. Tamén destacou a permanencia de Ence en Lourizán para dar "tranquilidade" ao sector industrial de fronte ao futuro.

Pero o secretario de organización sinalou que é necesario saír á rúa ante a subida de prezos fronte aos beneficios bancarios e empresariais sinalando que é unha situación "indecente". Tamén alegou que a patronal se volveu ás "cavernas" abandonando o diálogo social.

Sinalaba que reivindicarán tamén compromiso por parte do Concello e a Deputación co desenvolvemento industrial da comarca. García Pedrosa lembrou que decrece a poboación e que é necesario fomentar o emprego noutros sectores distintos ao turístico e de servizos.

"Non é dunha sociedade san o que está a suceder", argumentou expoñendo que ningún representante político local se manifestou pola decisión de ENCE de crear unha fábrica de papel tisú nas Pontes en lugar de construíla na comarca. Desde CCOO lamentan que a xente teña que "emigrar" para buscar emprego fóra de Pontevedra.