CC.OO. reclama á Deputación que destine axudas para as persoas afectadas polos incendios

Pontevedra
23 de outubro 2017

O sindicato pide tamén que se incrementen a 6.000 os brigadistas na provincia e que se dediquen á roza, limpeza e reforestación dos montes con outro tipo de política forestal

Dirixentes de Comisiones Obreras, con José Ramón Piñeiro no centro PontevedraViva

Comisiones Obreras (CC.OO.) pide á presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, que convoque con urxencia un pleno extraordinario para a través de transferencias de crédito das partidas do orzamento de 2017 ou con cargo para o de 2018, se non hai capacidade no actual, destinar diñeiro a fondo perdido para axudar ás persoas que se viron afectadas polos incendios da fin de semana do 14 e 15 de outubro. 

Segundo apunta José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de CC.OO., a Deputación Provincial ten competencias en materia de incendios naquelas poboacións de menos de 20.000 habitantes e citou á Lei de Racionalidade e sustentabilidade da Administración Local e á Lei de Réxime Local. "Sería inadmisible que a Deputación non estivera á altura", afirmou o máximo representante local do sindicato.

Desde CC.OO. tamén propoñen que se multiplique por 6 o número de brigadistas encargados do mantemento dos montes a través de labores da roza, limpeza e reforestación. Desta forma serían 6.000 efectivos para a provincia. 

Piñeiro responsabiliza tamén ás comunidades de montes e reclama claridade na lei para que se establezan multas cando non se cumpra. O sindicato esixe que se manteñan os montes limpos e que se cren plantas de biomasa ás que se remitiría o material de roza dos montes comunitarios. Despois, a administración pagaría ás comunidades por esa achega para incentivar e responsabilizarlles da limpeza.

Ademais, o sindicato considera que debe haber axudas para as tarefas de repoboación e reclama unha nova política forestal na que deben implicarse as tres principais administracións: Goberno do Estado, Xunta de Galicia e Deputación Provincial.

Arquivado en