A responsable de Comisión Executiva de CC.OO. de Galicia, Pilar Seoane, afirma que no concello de Pontevedra continúa descendendo o número de mulleres ocupadas con 600 casos de perda de emprego feminino durante o ano 2013. Sinalan que no sector servizos se destruíu moito emprego durante o último ano, sendo un ámbito no que a maioría dos empregos son ocupados por mulleres.
A taxa de paro feminina, segundo os datos da enquisa de poboación activa que manexa este sindicato, sitúase no 21,8% durante o 2013, inferior á masculina pero que demostra que case 22 mulleres activas de cada 100 que queren traballar non poden facelo e están condenadas ao paro.
Na bisbarra de Pontevedra sinalan que hai máis de 2.275 mulleres menores de 30 anos en situación de desemprego pero o paro se concentra, sobre todo, nos tramos de máis idade. A cifra sitúase en 3.250 mulleres de máis de 50 anos, un colectivo que se encontra con enormes dificultades para ser admitidas nun emprego; e en 7.380 mulleres no tramo entre os 30 e os 49 anos.
A situación agrávase ao ter en conta que 5.994 mulleres son paradas de longa duración na bisbarra, xa que levan inscritas nas oficinas de desemprego máis dun ano. Pilar Seoane sinalaba que en Pontevedra só un 5% dos contratos realizados en 2013 son indefinidos e afirma que, a raiz da reforma laboral, os contratos son de peor calidade e están peor retribuídos.
Ante esta situación, a representante sindical culpa o goberno do Partido Popular tanto en Madrid coma na Xunta de impoñer "un modelo de Estado, de muller e de familia no que a muller sexa reprodutora e coidadora". Dende Comisións Obreiras denuncian a desaparición de políticas de igualdade nos últimos tres anos e a rotación laboral entre o emprego eventual e o paro ao que se ven sometidas miles de mulleres.