CC.OO aposta polo diálogo para cambiar a situación laboral de "ilegalidade permanente" na Deputación

Pontevedra
23 de xullo 2019

José Ramón Piñeiro, secretario comarcal do sindicato, alerta da presenza de persoal laboral realizando traballos de funcionarios, principalmente no ORAL, e a utilización de bolseiros para exercer como traballadores por conta allea

Representantes de CC.OO. na Deputación PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra conta con 1.200 traballadores. Actualmente, o 40% é persoal con contratos temporais, unha cifra que nos vindeiros tres anos irá reducíndose ao 20%, pero Comisións Obreiras, sindicato maioritario na institución provincial, sinala que hai numerosas irregularidades laborais que é necesario afrontar neste mandato.

O secretario comarcal, José Ramón Piñeiro, manifestaba este martes o seu desexo de iniciar un período de diálogo co novo goberno da Deputación Provincial para regular as situacións laborais que se rexistran no ente que preside Carmela Silva. Segundo indicaba o sindicalista prodúcense situacións "de ilegalidade permanente".

Reclama que se ausma a relación do catálogo de postos de traballo para os que xa se anunciou en 2018 que se ían destinar 190.000 euros co obxectivo de que se adapten os postos de traballo aos servizos que se atopan en funcionamento. Piñeiro afirma que hai traballadores que actualmente cobran 700 euros menos que outros compañeiros realizando as mesmas funcións.

Tamén reclaman para incentivar o persoal que se promovan as carreiras profesionais e que se poña en marcha un segundo plan de emprego para tratar de aportar máis estabilidade ás persoas que teñen contratos temporais, un dos servizos máis afectados neste sentido é o ORAL, segundo indican desde CC.OO. Ademais, denuncian que seguen a producirse irregularidades cos bolseiros, que exercen funcións de traballadores por conta allea.

Propoñen que se fagan convenios de colaboración coa Xunta para os centros que son obxecto dunha futura transferencia como o Centro Príncipe Felipe, unhas instalacións que afirman que se atopan en moi mal estado con humidades, vidrieiras rotas ou escaleiras de incendios "rotas e podridas" co perigo que supón para os usuarios destes espazos. Por este motivo, Piñeiro pide unha mesa de negociación para que se elabore e aplique un plan de futuro que aborde as necesidades deste centro.

Unha situación semellantes rexístrase no Parque de Maquinaria, afirma Piñeiro. Entende que é necesaria unha comisión paritaria para fomentar o emprego neste Parque e que se dote de actividade para atender as necesidades de mellora dos viais dependentes da Deputación. Insisten en que a maquinaria está parada e, nalgúns casos, oxidada.