Catro traballadores, os primeiros positivos por covid-19 no persoal da Lama desde o inicio da pandemia

A Lama
13 de outubro 2020

Os positivos detectáronse grazas ás tarefas de rastrexo do coronavirus, pois a unha traballadora do centro fixéronlle a proba  PCR polo positivo dun familiar, como contacto estreito, e, ao dar positivo, rastrexouse á súa vez os seus propios contactos e chegouse a tres compañeiros. Dous son  asintomáticos e os outros dous teñen síntomas leves 

Prisión da Lama Mónica Patxot

A covid-19 salpicou por primeira vez nos sete meses transcorridos desde o inicio da pandemia aos traballadores do centro penitenciario da Lama. A semana pasada detectouse o primeiro positivo dun interno do penitenciario e nestes últimos días chegou tamén ao persoal, con catro positivos entre os funcionarios. 

Segundo confirmaron a PontevedraViva fontes penitenciarias, dous dos funcionarios son asintomáticos e os outros dous teñen síntomas leves.

Os positivos detectáronse grazas ás tarefas de rastrexo do coronavirus, pois a unha traballadora do centro fixéronlle a proba PCR polo positivo dun familiar, como contacto estreito, e, ao dar positivo, rastrexouse á súa vez os seus propios contactos e chegouse a tres compañeiros. 

Tras detectarse o primeiro positivo, púxose en marcha unha nova tarefa de rastrexo interno para detectar máis posibles contaxios e, de momento, non se detectaron máis infectados. En todo caso, farase seguimento a todo o persoal para evitar unha posible propagación do virus. 

Os catro traballadores que deron positivo xa se atopan en illamento domiciliario e as fontes consultadas han indicado que, en principio, o risco de propagación do virus cos internos é escaso, pois os traballadores seguen un protocolo anti covid-19 moi estrito no seu contacto cos reclusos. 

Doutra banda, o primeiro e ata o de agora único interno que deu positivo por coronavirus no centro evoluciona sen síntomas. O positivo detectouse hai unha semana despois de que o interno entrase na Lama procedente do exterior. A este preso concedéuselle o terceiro grao e saíu á rúa, pero, por resolución xudicial, tivo que volver a segundo grao e, por tanto, regresar ao centro penitenciario. Ao regresar, púxoselle en corentena preventiva no módulo de Ingresos e realizóuselle unha PCR na que deu positivo.

Ata ese positivo dun interno, A Lama mantívose durante seis meses e medio libre de covid-19 e tan só un traballador do Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo chegou a estar en illamento na súa casa o pasado mes de abril despois de que dese positivo. No seu caso, non chegou a estar en contacto con ningún compañeiro e non houbo máis contaxios.