Catro novas localizacións do centro urbano aplicarán a Zona 2H de aparcamento

Marín
05 de febreiro 2022

O goberno local de Marín estuda aplicar o estacionamento regulado gratuíto, que permite aparcar durante dúas horas, no espazo disuasorio fronte ao Centro de Saúde; na Rúa Méndez Núñez; desde o cruce da Travesía Jaime Janer ata o cruce da Rúa Busto de Abaixo e, por último, na Avenida de Ourense desde o cruce coa Rúa Carballino ata o de José Trasande

O concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez, nunha Zona 2H Concello de Marín

O goberno local de Marín quere seguir implantando a Zona 2 H. Nestes momentos traballa na posibilidade de incorporar catro zonas na que se estableza aparcamento gratuíto regulado, coa posibilidade de estacionar durante dúas horas.

As zonas que se expoñen son:

1 - Aparcamento disuasorio fronte ao Centro de Saúde. Neste espazo que foi cedido polo INVIED, o  Concello quere implantar esta fórmula para garantir a rotación nunha zona na que se demanda estacionamento para pacientes que acoden a consulta. Esta parcela ofrece unha capacidade de 20 prazas.

2 - Rúa Méndez Núñez. A proposta afectaría o tramo entre a zona de carga e descarga que se atopa detrás do Concello e na zona que se atopa tras a Biblioteca. Serían 12 prazas nun punto céntrico con diferentes establecementos de hostalería e comerciais.

3 - Desde o cruzamento da Travesía Jaime Janer ata o cruzamento da Rúa Busto de Abaixo. Neste caso afecta a 11 prazas.

4 - Avenida de Ourense: desde o cruzamento coa Rúa  Carballino ata o de José Trasande, no límite cos edificios. Afecta a 27 prazas.

Actualmente a Zona 2 H aplícase na Avenida de Ourense, desde o paso de peóns fronte ao parque infantil ata a  Praza de España; tamén desde o paso de peóns ata a Rúa Estrada e desde o número 90 ao 96. Tamén se implantou na Rúa Exército e Mariña, desde o Mercado de Abastos ata o monólito da Liberación; en dous tramo da Rúa da Ponte; na Rúa de Concepción Arenal; en parte da Rúa Jaime Janer; e na Rúa do Alcalde Ezequiel Massoni, nun tramo da beirarrúa impar.