Catro 'macizos' florais, o novo atractivo dos xardíns da Ferrería

Pontevedra
17 de marzo 2023

A renovación paisaxística das zonas verdes da Praza da Ferrería completouse cunha intervención que supuxo crear catro 'macizos' elevados rodeando á fonte de Casto Sampedro, presididos por unha mestura de plantas vivaces, perennes e de tempada

'Macizo' floral nos xardíns de Casto Sampedro Concello de Pontevedra

A renovación paisaxística das zonas verdes da Praza da Ferrería completouse cunha intervención que supuxo crear catro 'macizos' elevados rodeando á fonte de Casto Sampedro, presididos por unha mestura de plantas vivaces, perennes e de tempada.

O obxectivo é que teñan floración durante todas as estacións do ano, segundo explicou o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

Así, a parte máis elevada destas pezas centrais está dominada por especies vexetais chamativas, como uns formium de cor vermella, que teñen follas semellantes ás das palmeiras; ou unhas guneras, caracterizadas polas súas grandes follas e asociadas a xardíns de estanques. 

As plantas foron ordenadas en función do seu porte, situándose en orde crecente cara á súa parte alta: as de formas e cores singulares no alto e rodeándoas, as plantas arbustivas, bulbos e flor de tempada.

A composición respecta a presenza e visión dos valiosos exemplares de camelia existentes.

Este proxecto, que incluíu os xardíns da Praza da Estrela, contou cun investimento de máis de 35.000 euros.

O colofón será a plantación de máis especies de cores moi vivaces e a instalación dun novo sistema de rega que permitirá un aforro de auga de entre un 50 e un 80% en relación ao que viña funcionando ata o de agora.

Deste xeito, segundo Puentes, ademais de mellorar o deseño paisaxístico das zonas verdes, a intervención supón un novo paso adiante cara a unha xardinería "máis sostible, resiliente e adaptada ao cambio climático", introducindo criterios de eficiencia e aforro no consumo da auga.