Catro feridos nun accidente múltiple que obrigou a cortar a Variante de Marín

Marín
14 de setembro 2024

Segundo informa o 112 Galicia, tres vehículos víronse implicados na colisión, ao redor das 17.15 horas deste sábado. Foi necesario cortar a circulación da vía en ambos os dous sentidos

Accidente na Variante de Marín (VG-4.4) PontevedraViva

Grave accidente de circulación o que tivo lugar este sábado na estrada VG-4.4, a coñecida como Variante de Marín.

Catro persoas resultaron feridas de diversa consideración nunha colisión na que se viron implicados tres vehículos.

Segundo explica o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, tras ser informados polos Bombeiros do Morrazo, o suceso produciuse ao redor das 17.15 horas da tarde, obrigando a interromper a circulación en ambos os dous sentidos na vía de alta capacidade.

En concreto o accidente tratouse dun choque frontal entre dous vehículos, cun terceiro implicado que chocou lateralmente.

Ao lugar acudiron efectivos do 061 para atender e evacuar os feridos, ademais dos Bombeiros e Garda Civil de Tráfico.