Catro egresadas do campus pontevedrés reciben os Premios Sofía Novoa

Pontevedra
10 de xaneiro 2023

Estes premios están promovidos pola Deputación de Pontevedra coa intención de recoñecer Traballos de Fin de Grado e Traballos de Fin de Mestrado con perspectiva de xénero. O venres 13 vai desenvolverse o acto de entrega dos galardóns na sede da institución provincial en Vigo

Os catro premios Sofía Novoa deste curso recaen en Raquel Álvarez, Nuria Bouzas, Rebeca López e Elena Moldes DUVI - UVigo

Este venres 13 a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo será escenario do acto de entrega dos catro premios e o dous accésit, recoñecidos con 1.000 e 600 euros, outorgados na sétima edición dos Premios Sofía Novoa.

Estes galardóns distinguen os traballos do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo en Traballos de Fin de Grao (TFG) e Fin de Máster (TFM) que fomentan, consolidan e contemplan a perspectiva de xénero.

Na categoría TFG, o xurado premiaba os proxectos: O traballo por proxectos e o álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil, da graduada de Ciencias da Educación e do Deporte Raquel Álvarez, e tamén Visibilidade e representación da muller na divulgación científica: análise crítica da revista National Geographic en 2020, da exalumna de Filoloxía e Tradución Elena Moldes.

Tamén se outorga un accésit á titulada da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Alba Fernández pola súa exposición en Muller e prisión en España.

No apartado de TFM, as persoas que integran o xurado destes premios que promove a Deputación de Pontevedra decidían recoñecer tres traballos defendidos na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra:  O álbum e a novela gráfica como recurso didáctico para unha educación en igualdade na ensinanza das artes plásticas en secundaria, de Nuria Bouzas, e Proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato, de Rebeca López Villar.

O accésit recaeu en Emma Juncal por Análise dos estereotipos de xénero no alumnado de Educación Infantil enmarcado nas ciencias experimentais.  

Nestes distintos traballos promóvese, como recolle o DUVI, unha reflexión crítica dos estereotipos de xénero nos centros educativos ao mesmo tempo que se busca dar visibilidade aos traballos das mulleres cineastas; ás profesionais no campo científico e á situación na que se atopan as internas nas prisións españolas.