Catro bombeiros pontevedreses trasladaranse a Valencia cun camión e material de rescate e achique

Pontevedra
05 de novembro 2024
Actualizado: 13:59

Non suporán gastos para a Comunidade Valenciana, senón que todos correrán a cargo do Concello. Hai preparado un retén de catro voluntarios de Protección Civil por si precisan reforzos

Bombeiros de Pontevedra
Bombeiros de Pontevedra Mónica Patxot

Catro bombeiros pontevedreses trasladaranse "en canto sexa posible" a Valencia como colaboración do Concello para as tarefas de rescate e recuperación dos danos provocados pola DANA da pasada semana.

O catro están xa preparados, á espera de que a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) lles comunique cando teñan que partir. É este organismo galego o que coordina a axuda de todos os concellos para que resulte máis operativo.

Irán estes catro efectivos e levarán un camión de incendios forestais, que, ante esta situación, resulta "ou máis operativo e máis útil" e material de rescate e bombas de achique.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, anunciou este martes o traslado destes efectivos, que permanecerán na zona, de momento, durante sete días.

Si é preciso prorrogar a estancia, haberá unha substitución doutros catro efectivos. E así seguirán, por quendas, mentres a súa presenza sexa necesaria.

Neste primeiro traslado, irán até Valencia no camión de bombeiros e, para futuras substitucións, xa se desprazarán en coche e o camión permanecerá alí durante todo o tempo que sexa necesario.

O Concello de Pontevedra mostra o seu "apoio, solidariedade e cariño" ás persoas e municipios afectados e lembra que "desde o primeiro momento" tras a traxedia puxéronse a disposición "para poder axudar naquilo que fose preciso".

Segundo explicou Eva Vilaverde, o Concello canalizou a súa oferta de axuda a través de canles oficiais, para que a axuda fose coordinada pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP).

Foi esta entidade a que lles trasladou, tanto directamente como a través da federación galega (Fegamp), que nestes momentos non precisan máis recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade porque non teñen capacidade de xestionar máis.

O que precisan é axuda para a xestión da emerxencia, con profesionais e medios. O requisito que lles pon é que todos os profesionais que se despracen sexan "autónomos e autosuficientes" desde o punto de vista operativo e económico.

Desta forma, este catro bombeiros poderán traballar alí sen necesidade de apoio de ningún tipo, só coordinados a través da Axega e respondendo ás necesidades marcadas polo Centro de Coordinación de Emerxencias de Valencia.

Ademais, non suporán gastos para a Comunidade Valenciana, senón que todos os custos correrán a cargo do Concello de Pontevedra.

Para reforzar este apoio, o Concello tamén ten un retén de catro voluntarios de Protección Civil que, no caso de que desde Valencia se demande máis persoal, poderase desprazar cun vehículo e medios de rescate e achique. De momento, non foron requiridos.