Catalogan novos fondos sobre a represión femenina na provincia durante a ditadura

Pontevedra
21 de decembro 2021

Trátase de expedientes, imaxes e libros da Xefatura Provincial do Movemento, a Sección Feminina e o Patronato de Protección á Muller, ademais de bens incautados a persoas asasinadas no Concello de Redondela. A deputada da Memoria Histórica, María Ortega, lembra que toda esta información atópase aberta a través do portal ATOPO para as persoas que queiran investigar sobre a época franquista

Imaxe de falanxistas en San Simón no ano 1950 Deputación de Pontevedra

Cun orzamento de 10.000 euros, o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra contratou a dixitalización e catalogación de expedientes e fondos relacionados coa Xefatura Provincial do Movemento, a Sección Feminina e o Padroado de Protección á muller, ou con bens incautados a persoas asasinadas e a entidades do Concello de Redondela.

María Ortega, deputada responsable desta área, sinala que toda a información e documentación sobre este período histórico ofrecerase a través do portal ATOPO, ao que se pode acceder vía internet. Con esta actividade ofreceranse datos para o estudo da represión franquista, a través da publicidade do réxime, da represión económica e tamén da represión contra as mulleres.

En outubro subíronse a ATOPO as imaxes do gabinete de prensa da Xefatura Provincial do Movemento (XPM) e agora comeza a etapa de dixitalización para subir un centenar de tomos que o gabinete desta institución elaborara con noticias publicadas no seu momento e que axudan a contextualizar as imaxes. 

Os primeiros 55 tomos recollen informacións da XPM entre os anos 56 e 61, mentres que os outros 45 pertencen á  Deputación e abarcan o período entre 1963 e 1972, con 13.000 imaxes. Ademais destas actuacións, a Deputación tamén está a destinar recursos propios para dixiltalizar e subir a este portal fondos doutras institucións que desde o departamento de Memoria Histórica e desde o Arquivo da Deputación consideran de interese para analizar a represión franquista.

Contratouse, desta forma, a dixitalización de 48 expedientes do Concello de Redondela, onde se atopa situada a Illa de San Simón, sobre incautacións de bens a persoas e entidades, que agora poden ser consultados por internet. Entre estes datos recóllense documentos sobre o asasinato de Emilia Cabaleiro Amoedo e o seu fillo Antonio, aos que mataron por solidarizarse con persoas fuxidas da ditadura, ou Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo, fusilado en  Pereiró.

Tamén se saca a concurso o inventariado dos fondos que o Arquivo Provincial, que depende do Estado, garda sobre dous organismos fundamentais para estudar a represión que sufrían as mulleres a través da Sección Feminina e o Padroado de Protección á muller. Neste proceso van inventariarse 123 caixas e 53 libros, que se expoñerán na web ATOPO.