Castiñeiros, carballos e piñeiros para rexenerar A Fracha tras o incendio da Canicouva

Pontevedra
20 de abril 2023

Ata tres hectáreas e media do parque forestal da Fracha quedaron completamente calcinadas no incendio que azoutou A Canicouva o pasado mes de agosto. É a zona que o Concello xa comezou a rexenerar para devolvela ao seu estado previo

Zona afectada polo incendio da Fracha Cristina Saiz

Ata tres hectáreas e media do parque forestal da Fracha quedaron completamente calcinadas no incendio que azoutou A Canicouva o pasado mes de agosto. É a zona que o Concello xa comezou a rexenerar para devolvela ao seu estado previo.

A través duns traballos que, segundo o edil Raimundo González, están "moi avanzados" están a plantarse 1.150 exemplares de árbores nas hectáreas afectadas. Son, de maneira detallada, 700 castiñeiros, 250 carballos e 200 piñeiros. 

Previamente a este labor, na que o Concello inviste 15.000 euros, os operarios limparon e rozaron toda a zona queimada para deixala acondicionada para que, aproveitando a primavera, se puidesen colocar as novas árbores.

Esta actuación inclúe ademais a reposición de todos os peches, postes e mallas que protexían as árbores recentemente plantadas dos cabalos salvaxes e que quedaron moi danados polo lume.

"O que se pretende é que o parque forestal recupere toda a vexetación que tiña antes do incendio", sostivo Raimundo González.

O resto dos terreos afectados polo lume, unhas 350 hectáreas repartidas entre A Canicouva e Ponte Sampaio, en Pontevedra, e A Reigosa e Baltar, en Ponte Caldelas, son propiedade das comunidades de montes e delas dependerá a súa rexeneración.