Case a metade dos accidentes que se producen na N-541 en Cotobade débense a colisións con animais salvaxes

Cerdedo-Cotobade
28 de novembro 2024

O subdelegado do Goberno visita as obras de asfaltado e de reposición de barreiras metálicas que se están realizando en Cerdedo-Cotobade e Forcarei, cun investimento próximo ao millón de euros

Visita ás obras na estrada nacional N-541 en Cotobade Subdelegación do Goberno

As estatísticas da Dirección Xeral de Tráfico revelan que o 44% dos accidentes que se producen na estrada nacional N-541 débense a colisións con animais salvaxes que cruzan a calzada.

Este dato está moi por enriba da media do 26% no conxunto da rede de estradas da provincia.

Este perigo está sinalizado en todo o percorrido da N-541.

Por este motivo, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recomendou circular con prudencia.

Losada visitou este xoves as obras de asfaltado integral e de reposición de barreiras de contención que o Ministerio de Transportes está a realizar na N-541 ao seu paso polos termos municipais de Cerdedo-Cotobade e Forcarei, cun investimento moi próximo ao millón de euros.

O subdelegado, que estivo acompañado na visita polo capitán da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, Antonio Piteira, destacou a calidade destes traballos, que supoñen "unha mellora máis dentro dun plan de mellora constante" na vía que une Pontevedra coa provincia de Ourense.

Está a asfaltarse integralmente o tramo entre os kilométros 68 e 69,8, no termo municipal de Cerdedo-Cotobade, cun investimento de 475.499 euros IVE incluído. En paralelo está a reporse a barreira metálica de contención entre os quilómetros 55,7 e 63,4 nos termos municipais de Forcarei e Cerdedo-Cotobade, co investimento doutros 464.944 euros, IVE incluído. Ademais diso, van realizarse actuacións puntuais de reforzo de firme nas próximas semanas.

Estas actuacións veñen sumarse ao millón de euros investido nos últimos meses na ponte de Pedre, ampliando a sección do viaduto, repondo os sistemas de contención e a drenaxe e ampliando os pasos peonís peonís.