Case dous millóns para ampliar o peirao dos mexilloeiros en San Adrián de Cobres

Vilaboa
08 de xullo 2024

Esta actuación, segundo explicou o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, permitirá mellorar as condicións das instalacións dos amarres deste tipo de embarcacións. Ademais, as obras buscan renovar o abrigo do propio porto

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, no porto de San Adrián de Cobres

A Xunta de Galicia investirá 1,8 millóns de euros nas obras de ampliación do peirao de mexilloeiros situado no porto de San Adrián de Cobres, no municipio pontevedrés de Vilaboa.

Esta actuación, segundo explicou o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, permitirá mellorar as condicións das instalacións dos amarres deste tipo de embarcacións.

Ademais, as obras buscan renovar o abrigo do propio porto, para dar resposta ás necesidades da frota 'bateeira' da ría de Vigo.

O proxecto contempla a instalación dun dique de abrigo flotante de formigón con francobordo alto e a dotación de dezaseis prazas de amarre a pantalán para esloras de entre 12 a 22 metros. 

As prazas dispoñerán de fingers de atracada e contarán con conexión de auga, luz e iluminación. 

As obras, que sairán a licitación en breve, teñen un prazo de execución de oito meses, indicou Villares.

O porto de San Adrián de Cobres atópase na marxe norte do fondo da ría de Vigo, na enseada de San Simón e nel conviven a frota mexilloeira e a náutica-deportiva.

En canto á zona pesqueira, o peirao actúa tanto como zona de carga e descarga como zona de atracada para o conxunto da actividade pesqueira, para o que dispón dun guindastre de pequenas dimensións e unha zona de naves de almacenaxe próximas ao peirao.