Casa Verdún e Índigo entregan parte dos premios de escaparatismo aos colectivos Os Palleiros e Difusión Felina

Pontevedra
11 de xaneiro 2022

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse este martes ata o restaurante Casa Verdún para entregarlles aos seus responsables o diploma de vencedores do Concurso de Escaparates de Nadal organizado polo seu departamento a través da plataforma #PonteLovers

Mesón Casa Verdún, vencedores do Concurso de Escaparates de Nadal Concello de Pontevedra

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse este martes ata o restaurante Casa Verdún para entregarlles aos seus responsables o diploma de vencedores do Concurso de Escaparates de Nadal organizado polo seu departamento a través da plataforma #PonteLovers.

A edil socialista salientou o destino solidario que os gañadores lle van dar ao galardón económico deste primeiro premio, dotado dunha achega de 1.500 euros, que será doado en parte aos colectivos Os Palleiros e Difusión Felina.

Promoción Económica tamén entregou os respectivos diplomas aos gañadores do segundo premio, que recaeu na tenda de artes decorativas Índigo (cunha contía de 1.000 euros que se destinará integramente ao 50% tamén Os Palleiros e Difusión Felina), e do terceiro, dotado de 500 euros, que foi para a boutique Delirious.

Entre os dez finalistas seleccionados polo xurado entre os 76 negocios participantes tamén se atopaban Delicious Bakery, Novo Rumbo, Millán + Martínez Oftalmoloxía, Sunset, Granero Delmas Coworking, Aromara e Conchi Giraut.

Os votos do público, emitidos a través da web do Concello de Pontevedra, sumaron 10, 6 e 3 puntos aos do xurado.

O xurado valorou a integración dos produtos á venda, a composición do escaparate e a súa adaptación á temática de Nadal, a harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e o emprego prioritario de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais, a interacción co público e, por último, a invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final.

Yoya Blanco tamén asinou este martes os vales por valor de 50 euros que foron sorteados entre as persoas que participaron nas votacións deste Concurso de Escaparates de Nadal e que recaeron en Brais Ledo Mallo (voto Casa Verdún), Ángel Martínez Pérez (Casa Verdún), Irena Pontevedra Maroño (Milán + Martínez), Ángeles Martínez Martínez (Aromara), María Jalca (Aromara), Juan Iglesias (Casa Verdún), Sandra Sartier (Delirious), Adriana Rodríguez (Sunset), Iria R (índigo) e Susana Yelamos Fontana (Aromara).

O xurado deste certame estivo conformado por un grupo de 22 alumnos do módulo de Escaparatismo do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais e outro de catro estudantes do Ciclo Superior de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES Luis Seoane de Monte Porreiro, capitaneados pola profesora titora Iria Morgade.

Tamén formaron parte do xurado: Carmen Hermo, artista e docente da Universidade de Vigo, o escritor e presentador Manel Loureiro, a escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias Calvete e Luz Gómez Señoráns, técnica de Distrito Forestal.