A Casa Consistorial inaugurarase o 15 de novembro, haberá visitas guiadas e xa se poderán celebrar plenos e vodas

Pontevedra
14 de outubro 2024
Actualizado: 15 de outubro

O goberno local pretende que sexa cun gran acto social ao que quere convidar a todas as persoas que, desde a democracia, nalgún momento da súa vida formaron parte da corporación local

Casa Consistorial de Pontevedra
Casa Consistorial de Pontevedra Pontevedra Viva

O próximo día 15 de novembro será inaugurada a Casa Consistorial de Pontevedra. O goberno local pretende que sexa cun gran acto social ao que quere convidar a todas as persoas que, desde a democracia, nalgún momento da súa vida formaron parte da Corporación Local.

Pasado este acto oficial durante varios días haberá visitas guiadas a este histórico inmoble para que a cidadanía coñeza o resultado desta importante reforma, nese mesmo mes de novembro xa se celebrará o Pleno municipal e a partir de aí tamén as vodas e bautizos civís.

Este edificio, deseñado polo arquitecto Alejandro Sesmero, foi inaugurado por primeira vez o 3 de agosto de 1880. Desde entón sufriu distintas remodelacións, algunha moi pouco afortunada que tiña que ver coa visita de Franco en 1943 na que se alterou moitísimo o proxecto inicial.

O Concello de Pontevedra acaba de recepcionar as obras desta última reforma acometida polas empresas Construciones Ramírez e Revivis.

Casa Consistorial de Pontevedra
Casa Consistorial de PontevedraPontevedraViva

O resultado do proxecto do estudo de arquitectura U+A tratou de recuperar "ao máximo" aquel deseño de inspiración francesa co que foi concibido. Así se abriu a conexión visual coa Rúa Alhóndiga, por onde estaba a entrada, e devolver luminosidade ao interior.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores expresou a súa satisfacción polo resultado da reforma que comparou coa recuperación do centro histórico "do noso patrimonio, a nosa historia". É unha remodelación "espectacular, desde o punto de vista arquitectónico", engadiu.

Tamén o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez coincidiu en sinalar que "hoxe é un día de ledicia" polo resultado e a conclusión desta remodelación.

Domínguez destacou que a administración provincial ha achegado 1.790.000 euros para este proxecto, "iso significa case o 93% do financiamento". E enmarcou este acordo na "colaboración leal e sincera" entre ambas as institucións "sempre en beneficio dos pontevedreses".

RECUPERADO O RELOXO

Coa reforma resolvéronse os problemas de accesibilidade do consistorio grazas á instalación dun ascensor. Tamén dispón de baños accesibles mesmo para persoas ostomizadas, abriuse o lucernario para resaltar a cantería, o encalado en branco e os solos de mármore branco.

O edificio utiliza moita madeira: iroko, okume, de balsa e, sobre todo, de castiñeiro no solo dalgunhas salas como o salón de plenos, así como nos falsos teitos e creáronse dúas caixas auxiliares.

Por último, tamén se restaurou o reloxo da Casa Consistorial grazas ao traballo de Relojería Nemesio, da Coruña.

Casa Consistorial de PontevedraPontevedraViva

USO ADMINISTRATIVO

Ademais de ser a sede institucional para recepcións, a Casa Consistorial tamén terá uso administrativo pois na primeira planta está previsto instalar os servizos técnicos municipais de arquitectura e enxeñaría, e a área de Patrimonio, recolocados agora na Casa da Luz.

Durante estes días a empresa Suministros Técnicos de Galicia completará a instalación de mobiliario e equipamento. Tamén se acabará de montar o sistema de retransmisión dos Plenos e unha empresa especializada eliminará uns inquilinos indesexados, as termitas que afectan á madeira da porta principal do edificio.

GALERÍA DE FOTOS: