Carta de Abraldes á conselleira Ethel Vázquez para reclamar a mellora da seguridade viaria en Bretoña

Barro
03 de novembro 2021

O alcalde de Barro pide á responsable autonómica de infraestruturas que garanta a execución dese proxecto no ano 2022. Alerta do perigo actual  tanto para peóns como para vehículos agrícolas porque a veciñanza da parte alta da parroquia ten as súas fincas do outro lado da estrada

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, e Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, nas obras en Sequeiros da PO-531 Xunta de Galicia - Arquivo

A PO-531 ofrece problemas de seguridade viaria ao seu paso polo Concello de Barro e a veciñanza reclama unha solución desde hai anos. Por este motivo, o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes decidiuse a enviar unha carta a Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, para demandar que en 2022 a Xunta garanta a execución do proxecto de mellora de seguridade na rotonda situada en Bretoña.

Segundo expón o rexedor, o cruzamento da estrada co vial provincial procedente de San Amaro precisa dunha solución. Pide un paso inferior para evitar o perigo que supón actualmente ese cruzamento, tanto para peóns como para vehículos agrícolas que precisan trasladarse á zona baixa da parroquia onde se atopan as leiras, alén da estrada.

Desde o goberno local de Barro lembran que este proxecto foi anunciado pola Consellería en 2019 e representantes da Xunta anunciaran que as obras estarían finalizadas en 2020. Malia ese anuncio, o tempo pasou e o Concello de Barro carece de información sobre avances nos procesos de expropiación e licitación para abordar esta actuación.

A PO-531 é unha estrada que soporta un tránsito moi elevado. Segundo o Concello, trátase da vía autonómica provincial máis utilizada por vehículos, con ao redor de 20.000 coches que circulan a diario por este tramo. Por este motivo, piden solucións que eviten o perigo para peóns e condutores, xa que en Barro só foi executada a rotonda en Sequeiros para a mellora desa vía.

Abraldes lembra tamén que a Consellería aínda non executou outras obras pendentes relacionadas coa seguridade viaria no tramo vello da PO-531 ao seu paso por Outeda.